As Feiras de Primavera do Páramo celebran a súa 48 edición cunha gran programación

A Asociación de Amigos do Campo da Feira, coa colaboración do Concello do O Páramo, organizará entre os días 5 e 7 de xuño a edición número 48 das Feiras de Primavera, unha das citas tradicionais máis destacadas do calendario festivo e gandeiro da comarca.
Esta cita anual, que se mantén viva desde mediados dos anos 70, ofrece un programa variado que mestura tradición, cultura, música e produto local, converténdose nun punto de encontro para veciños e visitantes.
Durante os tres días da feira manterase aberta a exposición permanente de maquinaria agrícola, artesanía e pintura, así como unha variada oferta gastronómica con postos de pulpeiros e outros produtos alimentarios típicos da zona.
A gastronomía será un dos piares fundamentais da festa, complementada con actuacións de grupos folclóricos e pasarrúas que animarán as rúas con música tradicional durante o día e verbena pola noite.
A programación arrancará o día 5 coa inauguración oficial por parte das autoridades e co pregón do escritor Raúl Taboada, autor dunha muiñeira dedicada á súa terra natal, O Páramo. O acto celebrarase ás 14.00 horas no campo da feira. Durante esa primeira xornada tamén haberá actuacións de grupos folclóricos, verbena con orquestra e a apertura dos postos de artesanía, que permanecerán durante toda a fin de semana xunto coa mostra de traballos da asociación de mulleres do municipio e a exposición de maquinaria agrícola.
O día 6 estará dedicado ao gando vacún. Ás 12.00 horas celebrarase unha poxa organizada por Africor Lugo. Na pasada edición vendéronse 15 reses, unha delas por 4.350 euros. A xornada incluirá tamén un concurso de gando, coa entrega de premios ás 17.00 horas, e continuará cunha nova actuación musical.
As celebracións rematarán o día 7 cos cabalos como protagonistas. O programa inclúe un espectáculo ecuestre ás 12.00 horas e, ás 18.00 horas, unha exhibición de doma a cargo da Hípica Zahorí.
Desde a organización destacan a importancia destas feiras como punto de encontro para o rural e como un escaparate da actividade gandeira, cultural e social do municipio. Ademais, subliñan o papel que desempeñan para dinamizar a comarca de Sarria, a provincia de Lugo e o conxunto de Galicia, mantendo viva unha tradición con forte arraigamento no territorio.