As festas de San Xoán de Sarria serán do 23 ao 27 de xuño cun amplo programa de actividades

SarriaXa
O campo de rugby e o entorno da Rúa Castelao volverán ser o principal escenario das celebracións, mentres que a tradicional Noite do Lume terá lugar no campo da feira
presentacion-VibraXoan-San-Xoan-Sarria-2025
9 Mar 2026

As festas patronais de San Xoán de Sarria desenvolveranse este ano entre o 23 e o 27 de xuño cunha ampla programación de actividades, tal e como vén sendo habitual.

O campo de rugby e a contorna da Rúa Castelao volverán acoller a maior parte dos actos, ao considerarse o espazo máis adecuado para facilitar o descanso da veciñanza, evitar a acumulación de tráfico no centro urbano, manter libre o acceso ao ambulatorio e reunir nunha mesma zona as actuacións musicais, os postos ambulantes e as atraccións das barracas.

A única excepción será, como cada ano, a tradicional Noite do Lume, que se celebrará no campo da feira. Esa xornada, o 23 de xuño, marcará o inicio oficial das festas co pregón desde o balcón da casa consistorial, a cargo dunha persoa convidada cuxo nome aínda non foi dado a coñecer.

Tras o lanzamento do foguete que anunciará o comezo das celebracións, actuarán varias agrupacións locais, nun acto no que tamén participarán as Pampónigas e os xigantes e cabezudos de Sarria, moitos deles inspirados en personaxes da historia local. O último en sumarse a esta colección foi o recoñecido chocolateiro Matías López.

O programa incluirá tamén animación diaria con pasarrúas e actividades pensadas para o público infantil, entre outras propostas.

En canto ás actuacións musicais, xa están confirmadas orquestras e formacións como París de Noia, Los Satélites, Trébol ou Charleston Big Band. A programación contará tamén co folk tradicional do grupo Eoas e cun concerto gratuíto incluído no programa Vibra Xoán, que aínda está pendente de concretarse.

As festas patronais seguirán avanzando no seu obxectivo de ser máis inclusivas, polo que se volverán establecer horas sen ruído nas barracas para facilitar que as persoas con hipersensibilidade acústica poidan gozar destas atraccións. Ademais, as barracas permanecerán instaladas tamén o 28 de xuño, coincidindo co domingo.

0.11303186416626