As festas de San Xoán en Sarria anuncian as datas das primeiras actuacións

SarriaXa
As festas desenvolveranse do 23 ao 27 de xuño cun amplo programa de concertos, verbenas e a emblemática Noite do Lume
San-Xoán-Sarria-2024
3 May 2026

Sarria prepárase para vivir unha nova edición das súas festas patronais de San Xoán, que este ano se estenderán do 23 ao 27 de xuño cunha programación variada que combina tradición, música e lecer para todos os públicos.

O inicio das celebracións terá lugar o día 23 coa tradicional Noite do Lume no campo da feira, unha cita que contará coa animación do grupo de música tradicional Eoas. A xornada completarase con actuacións no recinto do campo de rugby do Chanto e os seus arredores, onde tamén soará a música da formación Costa Dorada.

O día 24, xornada grande dedicada a San Xoán, será un dos momentos máis agardados, con verbenas protagonizadas por orquestras de referencia como París de Noia e Los Satélites, que encherán de ambiente festivo a vila.

A programación musical continuará o 25 de xuño coa presenza de Ráfaga e New York, mentres que o día 26 será a quenda de Charleston Big Band e Trébol, que tomarán o relevo para manter o ritmo das festas.

Como broche final, o 27 celebrarase o festival Vibra Xoán, unha cita que contará cun concerto de entrada libre en colaboración coa Deputación e que nos últimos anos trouxo a Sarria artistas de gran recoñecemento. A organización agarda repetir o éxito de edicións anteriores, consolidando este evento como un dos grandes atractivos das festas.

PROGRAMA

0.11029314994812