As xatas de Acruga acadan un prezo medio récord de 3.743 euros nas poxas de 2026

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As cotizacións dos exemplares de Rubia Galega subiron 550 euros respecto ao ano pasado, mentres a asociación destaca o aumento das explotacións fóra de Galicia
homenaxe-acruga
3 Sep 2026

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) celebrou este xoves a súa asemblea anual, na que presentou o balance do exercicio 2025 e puxo en valor a evolución das cotizacións dos animais da raza. O prezo medio dos exemplares adxudicados nas 14 poxas celebradas o pasado ano situouse nos 3.146 euros, unha cifra que xa foi superada con claridade en 2026.

Nas dez poxas celebradas no que vai de ano, e á espera das previstas para o último cuadrimestre, o prezo medio das xatas de Acruga ascende xa a 3.743 euros, o que supón un incremento de 550 euros respecto ao exercicio anterior e establece un novo récord.

Durante a asemblea tamén se aprobaron as contas da asociación correspondentes ao pasado exercicio, que se pechou con beneficios superiores aos 28.000 euros, así como o orzamento para 2026 e a acta da sesión anterior. As propostas saíron adiante con 38 votos a favor, 27 en contra e dúas abstencións.

Outro dos datos positivos que recolle o balance é o lixeiro aumento do número de explotacións de Rubia Galega situadas fóra de Galicia, concretamente en Andalucía, Castela-A Mancha, Madrid e País Vasco. Esta tendencia mantense tamén este ano, coa incorporación, por exemplo, dunha nova explotación en Sevilla que está a adquirir animais vivos para un importante proxecto de restauración.

A inscrición de animais nos distintos rexistros do Libro Xenealóxico tamén deixa datos favorables. Do mesmo xeito que xa acontecera en 2024, en 2025 reduciuse o número de animais inscritos no Rexistro Auxiliar, mentres que se mantiveron as cifras do Rexistro Definitivo. Para Acruga, trátase dun dato especialmente relevante, xa que os animais incluídos neste último rexistro contan con procedencia e carta xenealóxica comprobada e certificada, o que ofrece maiores garantías e pureza da raza.

O denominado control de rendementos tamén presenta unha evolución positiva. Os pesos ao nacemento apenas aumentaron, unha circunstancia considerada favorable porque facilita os partos, mentres que o peso ao destete dos machos pasou de 317 a 331 quilos e o das femias de 293 a 301 quilos. Tamén se incrementaron lixeiramente os pesos á idade de sacrificio e a Ganancia Media Diaria, datos que apuntan a unha maior produción cárnica.

Segundo os datos do Libro Xenealóxico, en 2025 había 7.425 animais no Rexistro Auxiliar e 11.579 no Rexistro Definitivo, ademais de contabilizarse 8.470 nacementos. O número total de reprodutores situouse en 20.608 e o total de animais, a 31 de decembro do pasado ano, alcanzou os 27.474 exemplares, repartidos entre as 1.476 explotacións de Raza Rubia Galega existentes en España.

Homenaxe aos gandeiros e gandeiras xubilados

Acruga aproveitou tamén a xornada para celebrar o seu tradicional homenaxe aos gandeiros e gandeiras que se xubilaron ao longo do último ano. Antes do xantar e acompañados polas autoridades presentes, recibiron unha insignia de Acruga como recoñecemento ao seu traballo e dedicación durante anos á Raza Rubia Galega.

Os homenaxeados foron Manuel Fernández Gallego e Belarmina Fernández Rodríguez, ambos de Láncara; José Manuel Castro Pardo, de Ordes; Arturo Vecín González, de Cervantes; Eliseo López Rodríguez, de Paradela; José Luis Gude Gómez, do Corgo; e Josefa Fernández Vega, de Lugo.

No acto participaron o presidente de Acruga, César Dorado; a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o deputado provincial de Recursos Sostibles e responsable da Granxa Gayoso Castro, Francisco Cajoto; o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; a xefa territorial do Medio Rural na Delegación da Xunta en Lugo, Olga Iglesias; e o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela.

0.1381561756134