Asociación Peleriños: “Promovemos o coñecemento e o amor pola tradición e a cultura galegas”

SarriaXa
Roberto Quiroga e Alba Fernández forman parte da directiva da Asociación Peleriños de Sarria, que fomenta a cultura tradicional galega con diversas actividades
Asociación-Peleriños-Sarria
19 Jan 2025

Jessica Fernández

“A través do baile e do folclore recuperamos o uso da nosa lingua”. O espírito da Asociación Peleriños podería resumirse nesta frase, coa que Roberto Quiroga define o obxectivo principal do colectivo, que leva activo en Sarria desde o ano 1996. “A finalidade da posta en marcha de Peleriños era manter viva a nosa tradición cultural galega a través da música e a danza, e nesas seguimos, evolucionando facendo actividades cada vez máis diversas”, explica Alba Fernández. Así, a través dun proceso de recuperación das cantigas antigas, tanto nenos como adultos coñecen “a nosa historia: que se facía antes, como se divertía a xente, como se traballaba... todo ao redor da cultura galega”. En definitiva, sosteñen Alba e Roberto, “en Peleriños fomentamos o sentimento de pertenza a Galicia e o coñecemento dos nosos antepasados, xa que é importante ter claro de onde vimos para saber quen somos agora”.

Con ese ímpeto formador, os arredor de 80 nenos e nenas e 70 adultos e adultas que participan das actividades de baile, canto e instrumentos; poden formarse non só nesas disciplinas, senón tamén na historia tradicional galega. “Intentamos que sexa todo o máis rigoroso posible e rodeámonos de profesores que son profesionais cada un na súa materia. Ademais, ensinamos a facer as cousas tal e como se facía antes. Baseamos os nosos bailes e os nosos cantos en pezas recollidas de cantareiras que foron nais e fóronlle pasando ese coñecemento as súas fillas de xeración en xeración”. Así, cren que “non só é importante saber como se facían as cousas, senón tamén por que, quen e onde se cantaba”. Intentan, así, transmitir ese coñecemento dunha forma o “máis fiel posible” a como era, sen cambiar nada, reproducindo as pezas tal e como as cantaban ou bailaban.

Ademais, a través de fotografías ensinan como eran os traxes tradicionais. Por iso, “temos feito algún obradoiro de traxe para confeccionar esas prendas e logo actuar con elas. Temos un club de costura en Peleriños e estamos empezando por pezas como unha camisa e intentamos que siga o patrón tradicional e que sexa o máis fiel posible á realidade. E iso tamén facémolo co baile e coas pezas de música. O profesor de gaita recolleu pezas de aquí, da comarca de Sarria, e intentamos que iso se manteña, non queremos inventar nada, senón manter as cousas como eran”, defenden.

A IMPORTANCIA DE PELERIÑOS EN SARRIA

“Cada sitio ten unhas pezas da tradición cultural galega específicas, pero aquí en Sarria hai moita variedade de pezas e nós queremos fomentar que se coñezan”, sostén Roberto; mentres que Alba destaca a peza do Incio, a Carballesa, que xa se aprendeu a bailar en Peleriños. Con respecto a pezas de traxe, informan de que existe o Mandil de mostra, que era moi típico na provincia de Lugo e, concretamente, na comarca de Sarria, para suxeitar elementos ou taparse da chuvia, e que están recuperando na asociación; incluso, xa se puxeron esta peza algunhas pandeireteiras para algunha actuación. De feito, hai un mural no lugar de Perros dedicado a esta peza. “Estamos fomentando que se coñeza a nosa cultura nun lugar no que hai demanda de cultura como é Sarria”, destacan. Así, poñen en valor a convivencia entre asociacións na vila, xa que “cada unha ten o seu espazo e colaboramos as unhas coas outras cando fai falta”.

Por outra banda, din que todas as actividades que organizan “teñen moi boa acollida entre a sociedade sarriá, xa que ademais das clases que impartimos durante o curso, organizamos os Cantos de Taberna de adultos, os Cantos Pequenos, que son como uns Cantos de Taberna pero de nenos e somos os únicos en Galicia que facemos algo así; facemos unha xuntanza anual de Peleriños, actuamos cos nosos grupos en xuño... e logo participamos de todas as actividades ás que nos chaman desde o Concello de Sarria, desde a Sociedade La Unión, participamos no San Xoán, colaboramos con Crearte, temos actuado na Noite Meiga de Meigas e Trasgos e tamén este ano estivemos na Romaxe do Camiño do Festival Ultreia et Suseia”, explican.

Con todo, destacan as clases que imparten de canto, de instrumentos e baile tradicional galego. Este último, concretamente, conta con tres aulas de nenos os venres, unha aula de nenos de conciliación coa ANPA da EEI Xela Arias, e de adultos, unha de iniciación os martes, outra de iniciación os venres e outra de perfeccionamento os venres, en total, sete aulas. As actividades desenvólvense en locais cedidos polo Concello de Sarria, como o local Breogán e aulas da Casa da Cultura ou do antigo cárcere. “E tamén colabora con nós o IES Gregorio Fernández, que nos deixa dúas aulas os venres para poderlle dar á vez canto e baile e que, cando remate unha, os nenos pasen para a outra”, explican.

Con respecto a canto, din que “o noso é específico tradicional galego, recollido de cantareiras, e todas as pezas están tocadas con pandeireta ou con instrumentos tradicionais como pode ser a aña, que é unha peza con sacho; e a idea é ir meténdonos en máis cousas”.

Con todo, din que “cada ano contamos con máis nenos, polo que necesitamos máis implicación e máis profesorado para poder abarcalo todo. Por exemplo, nos Cantos Pequenos tivemos 50 nenos percorrendo os establecementos do Malecón”.

O FUTURO DA ASOCIACIÓN

Desde a Asociación Peleriños explican que agora mesmo, entre nenos e adultos son arredor de 150 persoas que forman parte das actividades, pero hai máis persoas que colaboran. Ademais, contan cos locais que lles cede o Concello de Sarria, así como lles axuda economicamente cando actúan nun evento na vila; contan tamén coa axuda da Deputación de Lugo, sobre todo para adquirir os traxes tradicionais para os nenos e a través do programa Tradigalu.

Por outra banda, din que están pendentes de conseguir unha subvención para poder contar con instrumentos na asociación, xa que “hai familias que non poden asumir o custo dun instrumento cando, ademais, non saben se o neno está convencido de querer tocalo, polo que cos instrumentos da asociación poderían apuntarse á actividade aínda que teñan dúbidas”. Con todo, súmanse á petición, por parte doutras asociacións, dun auditorio, xa que cren que é “unha necesidade en Saria, xa que no fin de curso os nenos actúan e adoitan facelo na praza da Vila, pero se chove, trasládannos á Casa da Cultura e aí non hai sitio suficiente”, comentan.

Con respecto a proxectos futuros, din que unha das propostas é “facer unha xuntanza infantil polas aldeas, non centralizar todo na vila de Sarria como vila, senón ir polas parroquias”. Ademais, “temos pendente organizar un curso de creación de colares tradicional e queremos facer outro faladoiro sobre o traxe para que as nais dos nenos vaian tendo unha idea de facer o traxe”. E engaden, “queremos facer un obradoiro de afinación de gaita, e seguir facendo obradoiros de roupa, de música e de baile”. Tamén, subliñan, queren promover seguir facendo foliadas durante o ano, traendo cantareiras ou grupos de música.

Pero o proxecto máis próximo que van poñer en marcha é o dos Cantos de Reis “para que os nenos canten no mercado de Nadal do Concello de Sarria que se instala na praza da Vila. Nós sempre participamos na cabalgata de Reis, pero queriamos facer tamén uns cantos para que os pequenos puideran mostrar á sociedade o que facemos en Peleriños”.

OS VALORES DE PELERIÑOS

Alba Fernández, que leva toda a súa vida en Peleriños, di que “somos unha gran familia. Eu levo desde que era nena e formei a miña personalidade baseada nos valores de Peleriños, tendo en conta que son moitas horas de ensaios, moitas actuacións, viaxes... Imos medrando e creas amizades tremendas, e cólleslle un cariño enorme á asociación; é un dos piares da nosa vida”. Eses valores aos que se refire Alba, concrétaos Roberto Quiroga en “compañeirismo, respecto, disciplina, puntualidade, amizade, amor pola música, polo baile e pola tradición e a cultura galega”. Ademais, engade que o percorrido que se fai “é bonito e hai saída, xa que hai moitas persoas que empezan de nenos en Peleriños e acaban como Alba, sendo parte da directiva e profesora en Peleriños”, explica. Así, Alba pon tamén o exemplo de Carme López, profesional da música do Incio que comezou en Peleriños.

Finalmente, conclúen dicindo que as actividades que fan como asociación “fortalécennos como grupo á vez que coñecemos outras culturas, o que nos nutre como persoas”, referíndose aos intercambios que fan con outros grupos de música tradicional doutros lugares de España ou de fóra do país, fomentando o coñecemento deses sitios á vez que promoven que veñan actuar a Sarria. “E, sobre todo, é interesante que veñan os máis novos, porque así van collendo ese amor pola cultura e pola asociación, vaise creando canteira e isto ten futuro, conclúen.

0.087936162948608