Autorizados máis de 6,8 millóns de euros para o servizo de hemodiálise extrahospitalaria na provincia de Lugo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O contrato ten unha duración prevista de tres anos, prorrogable por dous anos máis e prevense 1.443 sesións de hemodiálise mensuais e 17.316 sesións anuais deste servizo
hemodialise
8 Sep 2026

O Consello da Xunta autorizou a contratación, por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas), do servizo de hemodiálise extrahospitalaria na Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, cun orzamento base de licitación de 6.857.136 euros e unha duración inicial de tres anos.

O contrato, baseado nun acordo marco, conta cun valor estimado de 12.799.987,20 euros ao incluír as posibles modificacións e prórrogas por outros dous anos. A previsión do departamento sanitario galego é que a prestación poida beneficiar a 111 pacientes ao ano, de acordo cos datos de asistencia rexistrados durante o pasado exercicio.

Está previsto realizar 1.443 sesións mensuais de hemodiálise, o que supón un total de 17.316 sesións anuais. Todos os pacientes incluídos no servizo deberán contar previamente cunha avaliación por parte do Servizo de Nefroloxía de Lugo.

Ademais, os datos clínicos das persoas sometidas a hemodiálise serán integrados na plataforma tecnolóxica Telea do Servizo Galego de Saúde, destinada ao seguimento de pacientes crónicos.

A diálise é unha terapia de substitución renal que ten como finalidade suplir parcialmente a función dos riles. Cando se produce unha perda significativa da función renal que deriva nunha insuficiencia renal crónica, os pacientes deben someterse a tratamentos que permitan eliminar do sangue as toxinas e o exceso de auga. Como norma xeral, estas sesións realízanse tres veces por semana.

O contrato autorizado pola Xunta ten como obxecto a prestación de hemodiálise, un método no que o sangue é extraído do organismo e bombeado mediante unha máquina ata un dializador ou ril artificial. Este dispositivo filtra os residuos metabólicos e devolve posteriormente o sangue purificado ao organismo.

A Xunta sinala que a continuidade deste servizo extrahospitalario permitirá facilitar o acceso ao tratamento ás persoas que precisan terapia renal substitutiva na Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, ao tempo que se incorpora o seguimento dos seus datos clínicos á plataforma tecnolóxica do Sergas.

0.15500998497009