Benjamín García, alcalde do Páramo: “Cando o veciño che vén pedir algo é porque o necesita”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Comecei na política no Concello do Páramo en 2019, cando José Luis López decidiu separarse do Partido Popular e crear unha candidatura independente baixo o nome de Todo polo Páramo. Eu formei parte desa lista, coa que conseguimos gañar as eleccións municipais dese ano e gobernar durante o mandato 2019-2023. Nas eleccións municipais de 2023, volvemos presentarnos baixo as siglas do Partido Popular, encabezando novamente a candidatura. Nesa convocatoria tamén se presentou unha lista alternativa baixo o nome de Alternativa Veciñal polo Páramo, encabezada por Gumersindo Rodríguez, que fora alcalde do Concello polo Partido Popular ata 2019. Finalmente, a candidatura do Partido Popular volveu gañar as eleccións, con José Luis López como alcalde, e eu formei parte da lista que fixo posible ese resultado.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
Eu era tenente de alcalde e, cando Pepe decidiu deixar a alcaldía, os meus compañeiros e compañeiras elixíronme para asumir esa responsabilidade. Deste xeito, pasei a estar á fronte do Concello, contando sempre co apoio de Pepe, que continuou ao meu lado durante todo este proceso. Durante case dous anos asumín as funcións de alcalde mentres Pepe se atopaba de baixa por enfermidade, levando o día a día do Concello e garantindo a continuidade do traballo municipal. Agora afrontamos esta nova etapa coa responsabilidade de seguir ao fronte do Concello, polo menos ata maio, mantendo o compromiso co municipio e coa veciñanza.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Se queres axudar, tes moito traballo por diante. No meu caso, ao seguir traballando, non teño un salario como alcalde. Pero a min non me move o económico, senón a vontade de axudar aos veciños no que poida e estar ao seu servizo.
E beneficios?
Para min, o maior beneficio é relacionarme coa xente. Eu ando máis por Paradela e Portomarín, polo que agora coñezo a moita xente do Concello, falamos de moitas cousas e ás veces tamén discutimos, pero a xente non é tan mala como ás veces se pinta. Se falas cos veciños, chegas a acordos e de forma boa. A min gústame relacionarme coa xente.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Neste mundo, se queres facer cousas sempre hai tempo. Na vida todo é cuestión de organizarse.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Non teño obxectivos políticos, queremos que se cumpra o que nos prometeron desde o Partido Popular, porque, se non, será un hándicap para as seguintes eleccións. Pero a cabeza de lista para as vindeiras eleccións municipais acordarémola entre todos.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Intentar facer un edificio para asentar poboación, porque non hai nada para comprar. Se queremos que o Concello medre, é unha das maneiras de facelo. Os pobos estanse quedando baleiros e debería haber casas ou pisos para que poida vir xente. Outro tema importante é o da residencia, que penso que se vai anunciar pronto.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Aínda non as pensamos, pero serán parecidas ás da anterior lexislatura, engadindo o tema do edificio ou das vivendas para que a xente poida asentarse, así como promover o da residencia.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Queremos conservar as estradas e intentar melloralas. Algo moi importante tamén é a rede de auga, porque temos pobos que aínda non dispoñen dela e hai que solucionar moitas avarías. Iso hai que arranxalo. Hai que ter en conta que o noso orzamento é moi baixo.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Acondicionouse o campo da feira, que é grande e bonito. Tamén estamos orgullosos das festas que se continúan facendo no Páramo.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Polo menos, ser próximo e agradable, porque cando o veciño che vén pedir algo é porque o necesita, e o menos que se pode facer é atendelo e quitarlle o problema de enriba.
Como é a súa relación coa oposición?
A relación é boa. O día que isto me cause algún trastorno, marcho. Hai que relacionarse ben con todo o mundo.
MÁIS DE PRETO
-Idade, estado civil e familiar
59, solteiro e sen fillos
-Profesión e formación
Estudei unha FP agraria e traballo como gandeiro nunha explotación
-E se non o fose, que lle gustaría ser?
Algo dentro das miñas capacidades
-Que quería ser de maior?
Valíame calquera traballo, non tiña vocación
-Que fai para desconectar?
Saír con amigos
-Unha virtude e un defecto
Terao que dicir a xente e seguro que moitos
-Un consello para compartir
Aquí estamos 4 días, e deses un bo, así que hai que levarse ben entre todos e dialogar
-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Non leo moito, hai moito que non vexo películas e a música gústame de todo tipo
-Unha afección
Non teño moitas afeccións
-Un lugar que visitar
Canarias
-Unha comida e unha bebida
Gústame todo
-Unha personaxe admirada (viva ou morta)
Miña nai
-Unha posesión preciada
A casa
-Un desexo
Felicidade e que todo vaia ben
-Algo para esquecer
Non sei
-Que é o que máis valora nunha persoa?
Que se poida falar con ela e que sexa humilde
-Un desafío pendente.
Tampouco teño
-Onde se ve en cinco anos?
Non sei onde me vou ver mañá, pero no Páramo