Camiña Sarria e o BNG apoian a moción popular de reclamar ao Goberno central recuperar servizos ferroviarios

O Pleno do mes de marzo no Concello de Sarria estivo marcado polo debate arredor dunha moción presentada polo Partido Popular na que se solicitaba ao Goberno central a recuperación dos servizos ferroviarios suprimidos nos últimos anos, con especial atención aos trens nocturnos eliminados durante a pandemia, así como a incorporación de material máis moderno na rede. A proposta tamén incluía a necesidade de restablecer a presenza de persoal na estación para recuperar a venda presencial de billetes e mellorar a atención ás persoas usuarias, un servizo que consideran fundamental, especialmente nos períodos de maior afluencia asociados ao Camiño de Santiago.
Durante a sesión, a portavoz popular, Carmen José López, cuestionou que se presente como unha mellora un simple cambio de horarios nas conexións con Madrid e definiu a situación do tren como “unha arteria que está a sufrir un infarto pola deixadez de Renfe e do Goberno”. Ademais, denunciou a redución de frecuencias ao longo dos últimos anos e criticou que a maior parte dos trens continúen sendo diésel. López tamén lembrou que Sarria é punto de partida do Camiño Francés para milleiros de persoas e cualificou a estación ferroviaria como “pantasma”, reclamando a recuperación de persoal para a venda de billetes e información ás viaxeiras e viaxeiros.
A iniciativa contou co respaldo do equipo de goberno, Camiña Sarria, e do BNG, formación que tamén puxo o foco nas conexións por autobús. Ambos grupos advertiron da situación da estación de autobuses e da perda de frecuencias con cidades como Lugo ou Santiago. Neste contexto, o alcalde, Claudio Garrido, lamentou que actualmente só exista unha conexión diaria en autobús coa capital galega.
Pola súa banda, o PSOE votou en contra da moción e defendeu os investimentos realizados polo Goberno central nesta materia, cualificando a proposta de demagóxica. O concelleiro Diego López cifrou en 645 millóns de euros o investimento destinado á modernización da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, destacando actuacións como a variante da Pobra de San Xiao ou o novo túnel de Oural, que substitúe ao anterior, datado no ano 1883.
No pleno tamén se abordou unha moción do PSOE sobre a falta de vivenda de alugueiro social no municipio, aínda que finalmente quedou sobre a mesa ao non estar incluída na orde do día. O resto dos grupos rexeitaron incorporala de maneira extraordinaria e reprocharon ao seu portavoz, Benjamín Escontrela, non ter trasladado previamente a proposta, ao que este respondeu que se debeu a un erro.
Ademais, aprobouse por vía de urxencia unha prórroga no contrato do servizo de axuda no fogar e unha cuestión urbanística que permitirá tramitar unha licenza de obra na rúa Benigno Quiroga. A sesión concluíu sen que ningún representante de Camiña Sarria asumise a portavocía tras a dimisión de César No a comezos do pasado mes de febreiro.