Camiña Sarria esixe a dimisión de Escontrela tras coñecerse os informes técnicos da Secretaría e Intervención

SarriaXa
Camiña Sarria esixe a dimisión de Escontrela tras coñecerse os informes técnicos da Secretaría e Intervención
camiña sarria
camiña sarria
17 feb 2023

Camiña Sarria esixe a dimisión de Benjamín Escontrela como edil da Corporación Municipal tras coñecerse os informes técnicos da Secretaría e Intervención que apuntan á posible comisión dos delictos de falsidade documental e malversación dos fondos públicos.

Ademais, os informes apuntan a incumprimentos da normativa contratual, laboral e de protección de datos na contratación dun detective para a investigación de feitos privados de varias traballadoras da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme.

Camiña Sarria considera que ditos informes son "demoledores" sobre o labor de Benjamín Escontrela como responsable da xestión da residencia entre 2019 e 2022 e "constatan a súa incapacidade como xestor público".

En canto á contratación do detective, Camiña Sarria ve "inexplicable" que tanto Escontrela como o profesional contratado para investigar a varias traballadoras "non aportaran os informes realizados", polo que apoiarán no pleno a remisión do expediente á Fiscalía e ao Xulgado, tal e como propoñen os técnicos habilitados nacionais, para dilucidar "a existencia ou non de ditos informes" e "as responsabilidades legais nas que poida incorrer Benjamín Escontrela segundo o caso".

Dende a corporación afirman que "a situación é moi grave, porque se pasou de criticar a idoneidade de destinar fondos públicos á contratación dun detective para investigar a varias traballadoras cuns fins pouco claros, a cuestionar se ese traballo polo que a residencia pagou 17.887,50 euros foi realmente realizado", afirman desde a dirección do partido.

Así, manifestan a súa confianza en que "o resto de grupos políticos apoie esta proposta para que os órganos xudiciais diriman as responsabilidades que poida haber e aporten claridade ás traballadoras afectadas sobre a finalidade real da investigación e os resultados da mesma, se é que existen".