Cando a sombra do Mestre ilumina o camiño

SarriaXa
Por Jose Nunes
foto-Jose-nunes-novembro
22 Nov 2026

Acostúmase considerar a figura do Grande Mestre, no imaxinario colectivo, como un referente pouco menos ca inmune ao erro. Porén, estes días ollei unha publicación dun Grande Mestre de Kung Fu a quen admiro desde a infancia e cuxo traballo coñecín a través das revistas e das cintas VHS de Budo Internacional. Nela, executa unha luxación de pulso na que, cunha man, envolve e fixa o pulso do adversario en canto, coa outra, aplica a luxación. A técnica non está correctamente executada.

A partir da formación complementaria que recibín e recibo doutras artes marciais, neste caso en cuestión, do Nihon Taijitsu, podo dicir que, nunha luxación deste tipo, a man que suxeita e envolve a boneca protexe precisamente a articulación que se pretende luxar, limitando a súa correcta aplicación. Pode producirse dor e mesmo certa “eficacia” circunstancial, mais a propia construción da presa introduce un elemento que neutraliza parte da acción mecánica que debería facer posíbel a luxación. Non é, polo tanto, que unha técnica correcta admita unha execución alternativa: no caso observado, hai unha deficiencia técnica manifesta. E, precisamente, por proceder dun Grande Mestre que admiro desde neno, o feito resultoume especialmente impactante, a falta doutro adxectivo que defina mellor esta sensación. Se un Grande Mestre comete un erro de base, necesariamente eu teño que estar cometendo moitos máis dos que xa supuña.

Isto evócame o que di a interpretación académica da ‘Apología’, onde sinala que Sócrates non debe ser entendido simplemente como alguén que sostén que “non sabe nada”, senón como alguén que recoñece a súa ignorancia respecto das cuestións fundamentais e, por iso mesmo, somete as crenzas ao exame crítico, así como Karl Popper ofrece unha segunda clave ao entender o coñecemento como provisional, conxectural e permanentemente exposto á crítica e á refutación. O erro, lonxe de ser un accidente que cómpre agochar, convértese así nun instrumento para depurar o coñecemento. O erro dun mestre non destrúe o seu maxisterio; ao contrario, pode fornecer unha oportunidade extraordinaria para examinar con maior rigor aquilo que aprendemos del.

George Santayana escribiu que “a grande dificultade na educación é extraer experiencia das ideas”. Aplicado estes pousos de coñecemento que aínda conservo da miña mocidade como estudante da Faculdade de Humanidades, á arte marcial, a frase adquire unha forza especial: a tradición só se converte en coñecemento cando é sometida á experiencia, á práctica e á reflexión. A perspectiva de Leibniz sobre as mónadas como expresións do universo desde puntos de vista singulares ofrece outra metáfora fértil neste sentido: cada tradición pode iluminar aspectos que outras deixan na sombra.

Un grande mestre ensina tanto polos seus acertos como polas súas carencias. Descubrir un erro nunha técnica transmitida por unha autoridade non debe levar á decepción, senón a unha maior autoesixencia. Posto que a fidelidade irreflexiva a unha única fonte pode perpetuar os erros, chego á reflexión de que a solución pasa por ampliar a mirada: aprender de varios mestres e escolar pasa por unha mirada endóxena, dentro dos múltiples sistemas que compoñen o Kung Fu os seus respectivos estilos, como fóra do mesmo, a través doutras artes marciais. O verdadeiro discípulo é o que honra ao seu Mestre indo máis alá del, desde o respecto; examina, contrasta e avanza una paso máis.

0.15198493003845