Carmen José López foi ratificada como presidenta da xestora que dirixirá o PP de Sarria

SarriaXa
O propio presidente saínte, Fernando Carlos Rodríguez, propuxo á portavoz municipal como máxima representante da agrupación popular en Sarria
Fernando-Carlos-Rodríguez-presidente-PP-de-Sarria
9 Jul 2024

A presidenta provincial, Elena Candia, presidiu xunto á secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, unha nova reunión da Xunta Directiva Provincial do PP na que se ratificou a Carmen José López como presidenta da xestora que dirixirá o PP de Sarria ata a celebración dun congreso.

O propio presidente saínte, Fernando Carlos Rodríguez, propoñía, ao mesmo tempo que formalizaba a súa renuncia, á portavoz municipal como máxima representante da agrupación popular en Sarria para “unificar a dirección do Grupo Municipal Popular e do PP local nunha mesma persoa”.

Candia agradeceu o traballo tanto de Rodríguez coma López, á que ademais lle desexou acertos nesta nova responsabilidade. “Carmen José está a traballar da man de veciños, afiliados e concelleiros nun proxecto serio pensando nun futuro ilusionante para Sarria”, subliñou a dirixente provincial.

A dirixente trasladou o seu apoio á agrupación sarriá, igual que ao resto das agrupacións locais da provincia polo traballo e esforzo nas distintas citas electorais nas que o proxecto do Partido Popular tivo un apoio maioritario.

Durante a xunta directiva provincial, á que asistiron tamén representantes do PP lucense nas distintas institucións; deputados, senadores, alcaldes e portavoces, tamén se aprobou o calendario de reunións e visitas ás distintas formacións locais que se desenvolverán nos vindeiros meses.

A presidenta xa anunciara en anteriores xuntas directivas estes encontros que foron coordinados con alcaldes e portavoces municipais e teñen como obxectivo de “reforzar o contacto con todo o territorio da provincia, coas agrupacións locais, os afiliados e a totalidade dos lucenses”.

Pola súa banda, Paula Prado felicitou ao partido provincial “polo gran primeiro semestre do ano 2024”, despois de que Lugo fora a provincia na que o PP colleitou un maior apoio nas eleccións autonómicas e, do mesmo xeito, nas europeas liderara a votación popular a nivel nacional. “Sodes o mellor exemplo de que o traballo dá os seus froitos”, dixo.

Ademais, valorou positivamente o labor que se está facendo nos concellos, tanto desde a alcaldía como desde a oposición. Entre os que exercen este último cometido, quixo personalizar en Elena Candia e en Carmen José López, “dúas mulleres líderes que en menos de tres anos se converterán en alcaldesas de Lugo e de Sarria”.

Por último, Prado animou a todos os membros do partido provincial “a seguir esforzándose como ata o de agora, demostrando que o PP é a única formación que de verdade defende á provincia e busca o mellor para os lucenses”.

0.15396809577942