Catro estudantes do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria son recoñecidos entre as mellores notas de Galicia na ABAU

SarriaXa
Aldara Campo, Otón Mendoza, Claudia Arias e Eire López recibiron o seu recoñecemento no acto MEGAU celebrado en Santiago
mellores-expedientes-PAU-Sarria-26
20 Jun 2026

Catro alumnos e alumnas do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria foron distinguidos no acto MEGAU, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela para recoñecer ao alumnado con mellores cualificacións de Galicia nas Probas de Acceso á Universidade (ABAU).

As persoas recoñecidas foron Aldara Campo, Otón Mendoza, Claudia Arias e Eire López, un resultado que supón un importante logro académico e sitúa ao centro educativo sarrián entre os máis destacados de Galicia.

A cerimonia de entrega dos diplomas celebrouse este venres ás 17:00 horas no Multiusos Fontes do Sar, nun acto institucional presidido polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, xunto coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, e os reitores da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo, Ricardo Abad e Manuel Joaquín Reigosa.

Desde o centro educativo quixeron destacar o esforzo, a dedicación e o excelente rendemento acadado polos catro estudantes, poñendo en valor o traballo realizado durante toda a súa etapa académica e a proxección que este recoñecemento supón para o instituto.

Así mesmo, trasladaron unha felicitación pública aos mozos e mozas pola súa traxectoria académica e por representar ao centro con resultados de gran nivel.

Tamén expresaron o seu agradecemento á iniciativa MEGAU por contribuír a recoñecer e dar visibilidade á excelencia académica do alumnado galego.

0.11514496803284