Louband: "O noso obxectivo é que a xente o pase a metade de ben que nós”

Jessica Fernández
A Louband de Sarria, con 8 anos de traxectoria, converteuse nun referente da música en directo en Galicia grazas aos seus concertos cheos de enerxía, paixón e o seu amor pola música, que fai vibrar ao seu público.
A historia de Louband comeza en 2017, cando un grupo de músicos, procedentes en gran parte da Charanga Madia Leva, decidiron dar un xiro á súa carreira musical. "Ao principio, gran parte da formación saímos da Charanga Madia Leva, que, cando rematou o proxecto, montamos outro grupo, levándoo cara a algo máis eléctrico e con outro repertorio de música mesturándoo con estilos como o ska, reggae, punk, etc., e con carácter vogal", explican. A idea foi crear algo diferente, cunha identidade propia, sen perder de vista as súas raíces e a esencia da música en directo.
Foi entón cando, grazas aos seus vínculos coa Asociación Rúa da Música, decidiron dar forma ao proxecto que hoxe coñecemos como Louband. "Xa coñeciamos a outra xente da Asociación Rúa da Música e decidimos formalo no ano 2017, aínda que fixemos a nosa estrea a principios de 2018", engaden con entusiasmo.
A banda está composta por un equipo de músicos que non só comparten a paixón pola música, senón tamén unha forte conexión persoal, como son Jesús Álvarez (guitarra e voz), Hernán Colantuono (baixo eléctrico), José Antonio Salvador (batería), Gerardo Fernández (saxofón alto), Manuel Doel (saxofón tenor), Martín Vázquez (trombón), Iñaki López (piano e voz) e Gonzalo López (técnico de son, iluminación, redes sociais...).
"Somos coma unha familia. Axudámonos, xa que compartimos a música, pero tamén as vivencias. Un dos nosos valores é que temos moito amor polo que facemos e apostamos por facer música en directo e co noso selo propio", comentan os integrantes da banda, subliñando o importante que é para eles o compañeirismo e o ambiente familiar que se respira en cada ensaio e actuación.
DE SARRIA PARA O MUNDO
Desde os seus primeiros concertos en Sarria, a Louband foi medrando pouco a pouco, abríndose camiño non só en Galicia, senón tamén no resto de España. "Foi algo orgánico, pouco a pouco. Comezamos en Sarria e fomos abríndonos camiño para que nos fose coñecendo máis xente. Onde íamos, adoitabamos repetir. Así, fomos tocando por toda Galicia, Asturias, León, fomos ata Navarra, Madrid... Estamos moi contentos", relatan os membros da banda, satisfeitos co percorrido realizado ata o momento.

"Adoitamos definirnos como unha street band de animación de rúa cun formato máis eléctrico, cun repertorio moi amplo. Non temos só un estilo de música, tocamos diferentes xéneros e temas coñecidos. O que nos diferencia é a interacción co público e a diversión que transmitimos", explican.
Ademais, o público responde con gran entusiasmo, xa que para os integrantes da banda, o público non é só un espectador máis, senón un compoñente esencial do espectáculo, que participa activamente en cada concerto. "En realidade, o público é un integrante máis do show que facemos, a base de cantar, moverse, bailar, interactuar. Rózao o aspecto teatral, un espectáculo con base musical. O noso obxectivo é que a xente o pase a metade de ben que nós".
OS PROXECTOS
Este ano, a banda ten preparadas varias actuacións en festivais e eventos importantes. Participarán na Feira do Viño de Sober, nun festival no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo sobre grupos tributo, e tamén no Festival de Rock de Rianxo. "Adoitamos ir ao vermú da Fraga, onde se xuntan 5.000 persoas; ou ao Festival de Rock de Rianxo; e logo a festas e festivais por Pontevedra, A Coruña, León, Lugo... Nos festivais grandes o que facemos é animación de rúa previa á entrada da xente ao festival, e tamén fixemos actuacións entre os cambios de escenario de grupos grandes. Aínda que os nosos eventos favoritos son as festas de Sarria porque é como xogar na casa", comentan con agarimo.
A Louband segue tendo unha conexión especial con Sarria, onde sempre se senten como na casa. "Gústanos tocar na nosa casa en Sarria, xa que actuamos en eventos como o San Xoán, a Noite Meiga, festivais como o Sarria Blues, A Verbena Fest, o Garitosis, ou en festas de parroquias ou eventos de La Unión. Contan moito con nós", aseguran os membros da banda, agradecidos polo apoio constante da comunidade local.
O FUTURO DA BANDA
A pesar do seu éxito e a cantidade de actuacións que realizan anualmente, os integrantes do grupo musical non teñen grandes demandas. "Non temos ningunha reclamación. Valoramos positivamente a colaboración de todas as institucións, xa sexan concellos ou deputacións", aseguran. De feito, destacan que, desde a pandemia, realizaron máis de 100 actuacións ao ano, o que lles permite manterse a flote e continuar co seu proxecto. "Págannos unha cantidade que nos permite costear as viaxes, os instrumentos, o tempo de ensaios, etc.", explican.
Mirando ao futuro, os membros de Louband manteñen unha visión tranquila, pero cunha gran ilusión por seguir crecendo. "Esperamos no futuro seguir como ata agora, e como única ilusión apúntase a poder sacar un single en poucos meses, así como poder facer cancións propias, pero sen presións; participando no que poidamos, ensaiando e traballando", conclúen, mostrando unha vez máis a súa paixón polo que fan e o seu compromiso coa música.