Claudio Garrido anuncia que non optará á reelección como alcalde de Sarria

GaliciaXa | SarriaXa
O rexedor manterá vixente o acordo estratéxico co PP ata 2027 mentres a formación independente prepara a súa substitución de cara ás próximas eleccións municipais
Claudio-Garrido,-Camiña-Sarria
3 Jun 2026

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, anunciou que non se presentará como candidato á Alcaldía por Camiña Sarria nas eleccións municipais previstas para maio do próximo ano. O anuncio produciuse durante a inauguración das XIX Xornadas Xurídicas Román García Varela, que se celebran na Casa da Cultura da localidade.

O encontro, organizado polo Concello de Sarria e incluído no programa de Formación Continua do Consejo General del Poder Judicial, reúne ata o venres unha ampla representación do ámbito xudicial, académico e institucional. Arredor dunha trintena de xuíces e xuízas, xunto con especialistas en Dereito, persoal da Administración de Xustiza e outros operadores xurídicos, participan nas xornadas, que tamén poderán seguir preto de 300 persoas de forma telemática a través do centro da UNED de Lugo.

Durante as distintas sesións previstas analizaranse algúns dos principais retos do sistema xudicial actual, así como cuestións relacionadas coa transformación social e tecnolóxica. Entre os temas incluídos no programa figuran a igualdade na xurisdición social, a estranxeiría e o asilo, a litigación masiva, a protección do interese do menor e os efectos da dixitalización no ámbito laboral.

No plano político, Claudio Garrido confirmou que non encabezará a candidatura de Camiña Sarria nos próximos comicios, aínda que polo momento non se deu a coñecer quen podería asumir a substitución á fronte da formación independente.

Malia esta decisión, o alcalde mantén vixente o acordo alcanzado co Partido Popular de Sarria para impulsar unha quincena de actuacións consideradas estratéxicas para o desenvolvemento do municipio. Desde Camiña Sarria consideran que este pacto permite dar por cumpridos os obxectivos fundacionais do proxecto político e marca o peche dunha etapa iniciada co propósito de promover cambios concretos na localidade.

O documento, denominado Acordo para o Desenvolvemento Estratéxico de Sarria, establece o marco de diálogo e colaboración entre ambas formacións ata maio de 2027. O acordo contempla o impulso de 15 investimentos e actuacións estratéxicas destinadas a reforzar o papel de Sarria tanto na provincia de Lugo como no conxunto de Galicia.

0.12677097320557