Club Clásicos Sarria: “A intención do Rally Regularidad é unirnos e facer un acto grande”

SarriaXa

Por Jessica Fernández.
21 abr 2024

Por Jessica Fernández.

O Club Clásicos de Sarria, que naceu hai seis anos e organiza a II edición do Rally de Regularidad Vila de Sarria, defende que para os participantes é difícil atopar outro evento deste tipo; que reúna unha feira de antigüidades, un Rally de Regularidad e a carreira Pretorian Extreme.

Cando xorde a idea de crear o Club Clásicos de Sarria?

Xorde porque un grupo de amigos decidimos crear o club porque nos atopábamos a xente de Sarria en concentracións de vehículos históricos doutros municipios e tres amigos dixemos: “Veña, hai que facer un club en Sarria”. Algunha persoa díxonos que estabamos loucos, que non había xente en Sarria como para facer un club, pero decidimos tirar para adiante e empezaron a aparecer vehículos clásicos que estaban gardados e, ao pouco tempo, xa había bastantes socios. Actualmente somos entre arredor de 80-90 persoas, practicamente de Sarria e arredores así como temos xente de Lugo, da Mariña e da Coruña.

Comezamos en 2018, organizamos a primeira concentración de vehículos clásicos en 2019 e logo veu o covid, polo que en 2020 e en 2021 non fixemos nada. En 2022 volvemos organizar unha nova concentración e en 2023 animámonos a facer tamén o primeiro Rally Regularidad de Sarria. Por iso, este ano 2024 faremos a cuarta concentración de vehículos clásicos e a segunda edición do Rally Regularidad.

En que consiste o Rally de Regularidad?

A primeira edición do Rally Regularidad xurdiu por fomentar outra modalidade, xa que a concentración e vehículos históricos é unha exposición dos vehículos dos nosos socios na praza de la vila e inclúe unha ruta turística, pero o Rally de Regularidad consiste en cumprir unhas medias que establece a organización a través dun percorrido. O piloto vai cun copiloto que leva un libro de ruta e ten que cumprir uns tempos. Non consiste na velocidade, senón que canto máis te aproximas a eses tempos, máis opcións tes de gañar.

Durante a ruta vaise indicando con sinais por onde tes que ir sen perderte e coas medias de velocidade onde hai un control, segundo a hora á que saíches, tes que pasar por ese control nun minuto e segundo exacto. Todo o que pases por diante ou detrás será penalizado e gaña o que menos penalizacións teña.

Que novidades hai nesta segunda edición?

Este ano imos montar un parque pechado no mesmo lugar onde vai ter lugar a Feira de Antigüidades de Sarria, porque está relacionado co mundo dos vehículos históricos. Desde aí poderanse ver os vehículos clásicos que van participar no Rally Regularidad e desde aí sairán cara o Bulevar, de onde sairán para comezar as rutas. Pola tarde, os vehículos participantes sairán de novo desde o parque pechado, pero esta vez cara o Chanto, de onde sairán tamén os participantes da carreira Pretorian Race de Sarria, facendo coincidir na mesma fin de semana tres eventos grandes en Sarria.

A intención desa fin de semana é unirnos e facer un acto grande. Así, sairán cos participantes da Pretorian e finalizará o Rally tamén coincidindo co final da carreira, mentres que os pilotos percorrerán os concellos de Sarria, Portomarín, O Corgo e Láncara.

Ademais, ao rematar o Rally Regularidad e a carreira Pretorian vai haber un concerto organizado polo Concello na zona do campo de rugby do Chanto.

Por que son importantes estes eventos en Sarria?

Cando formamos a asociación había socios que adoitaban participar en rallies doutras asociacións, entón nós buscabamos que a xente de aquí coñecera este mundo.

Este tipo de eventos arrastra a moita xente, o ano pasado tivemos participantes de León, de Asturias e de toda Galicia, e este ano xa nos preguntaron para participar tanto xente de Francia como de Bilbao.

As concentracións son para xente de aquí, de Sarria e arredores, pero aos Rallies de Regularidad vén máis xente e de máis lonxe porque é máis competitivo e  move xente. O ano pasado foron 35 vehículos e este ano esperamos que participen máis persoas.

Para os participantes é difícil atopar outro evento deste tipo, que reúna unha feira de antigüidades, un Rally de Regularidad e a Pretorian. Para a xente que vén é moi chamativo e van desfrutar de coches que son moi complicados de ver. É unha fin de semana que se pode aproveitar ben.

Teñen algún tipo de axuda de administracións e colaboración de asociacións?

Temos a colaboración do Concello de Sarria, que sempre colabora cando facemos a concentración e o Rally. Da Deputación e da Xunta non temos ningunha, a ver se este ano pode ser.

Con respecto ás asociacións, normalmente veñen participar persoas doutros clubs e nós participamos tamén das iniciativas que propoñen eles.

Que máis iniciativas e actividades promoven desde a Asociación?

Os tres eventos que marcados no Club Clásicos de Sarria son o Rally Regularidad, a concentración de vehículos clásicos e o desfile de Nadal, que levamos catro ou cinco anos organizando. Ademais, facemos unha saída cos socios cada mes e medio e imos comer xuntos.

En definitiva, que obxectivos persegue a asociación?

Creamos o club co obxectivo de xuntar a xente de Sarria e comarca á que lle gustase esta afección e que ía a outros sitios a velo. Está baseado en amigos que se axudan para restaurar un vehículo. E tamén queremos dar a coñecer os vehículos doutras persoas porque a xente os tiña gardados e esta é unha forma de sacalos.

En definitiva, visibilizamos este sector, porque en Sarria antes non se coñecía o tema dos rallies e ao crear o club e meternos neste mundo, os sarriaos fóronse afeccionando á regularidade.