Comeza a peregrinaxe do Camiño de Santiago a través do Camiño Francés

SarriaXa
Comeza a peregrinaxe do Camiño de Santiago a través do Camiño Francés e pola comarca de Sarria da man da Asociación de Amigos do Camiño
Camiño Frances Triacastela
Camiño Frances Triacastela
14 mar 2023

A maioría dos peregrinos que fan o Camiño Francés comezan desde Sarria, a 114 km da Catedral de Santiago de Compostela

O Camiño de Santiago pode facerse a través de oito rutas diferentes: o Camiño Francés, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, o Camiño Primitivo, a Vía da Prata, o Camiño do Norte, o Camiño de Fisterra e a Ruta do Mar de Arousa; porén, o máis concurrido é o Camiño Francés.

Sarria é o punto álxido, onde chegan máis de 100.000 peregrinos ao ano desde o Cebreiro, punto onde comezan moitos a facer o Camiño, ou mesmo porque é nesta vila onde inician a súa experiencia máis intensa ao redor das paisaxes galegas.

Desde a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da comarca de Sarria, que contan cun punto de atención a peregrinos aberto, din que “peregrinos veñen todos os días, pero a afluencia de xente espérase a partir do 15 de marzo”, xa que moita xente quere facelo antes ou, sobre todo, durante a Semana Santa.

Ademais, argumentan que a previsión, despois de moitos anos analizando os datos, é que os anos posteriores ao ano Xacobeo son os máis densos de peregrinaxe, polo que este ano espérase unha gran chegada de crentes e turistas que pararán en Sarria.

Desde Sarria son exactamente 114 quilómetros os que os peregrinos teñen que percorrer ata o seu destino: a Catedral de Santiago de Compostela. Esta ruta adóitase dividir en cinco etapas se se fai andando, xa que hai quen vai en bicicleta.

Estas cinco etapas corresponderíanse con: Sarria - Portomarín (22,2 km), Portomarín - Palas de Rei (24,8 km), Palas de Rei - Arzúa (28,5 km), Arzúa - O Pedrouzo (19,3 km) e O Pedrouzo - Santiago de Compostela (19,4 km).

A importancia da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da comarca de Sarria

Jorge López, presidente da Asociación explica que van abrir todas as mañás, agás a do domingo, durante dúas horas a partir do 15 de marzo e, incluso, abrirán pola tarde en casos puntuais para axudar aos peregrinos a rematar o Camiño da mellor e máis sinxela forma posible.

“Nós non promocionamos nin facemos andainas, estamos ao servizo das persoas que entran en Sarria buscando información ou axuda dalgún tipo”, comenta. “Estamos dentro da Federación Española do Camiño de Santiago e somos os primeiros que abren para estar todos os días do ano atendendo á xente”, sosteñen desde a asociación.

Ademais,defenden que hai que promocionar máis o Camiño de Santiago e, en concreto, o Camiño Francés, xa que é un patrimonio natural e mundial que “debemos conservar”.

Por outra parte, argumentan que tamén “hai que terlle respecto” e que se debe promocionar Galicia no seu conxunto, así como promover que se coñezan as rutas de toda Galicia e, no caso particular do Camiño Francés, explican que as dúas etapas anteriores a Sarria “tamén son importantes”.

Críticas a que os peregrinos comecen en Sarria

Desde a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago critican a decisión da Xunta de entregar a Compostela aos 100 quilómetros, porque así “a xente perde dúas etapas do Camiño Francés fermosísimas, as que van do Cebreiro a Triacastela e de Triacastela a Sarria”.

Este mesmo argumento é sostido por Olga Iglesias, presidenta da Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés, quen ademais é alcaldesa de Triacastela, un “lugar fermoso por onde pasa esta ruta do Camiño”, explica.

Ademais, Olga argumenta que as reservas son moi superiores sempre en Sarria con respecto a Triacastela, polo que espera que a situación mellore de cara ao mes seguinte.

Mentres, Jorge di que “facer o Camiño en tres días non ten sentido” e que “é mellor ir facéndoo en varias tempadas, que facelo correndo en tres días, perdendo toda a súa esencia”.

“Hai que ter a Galicia por igual e é importante conservar o camiño desde a entrada de Galicia ata Santiago de Compostela”, explica Jorge, “puidendo comezar o Camiño Francés no Cebreiro, que son só dúas etapas máis cheas de natureza”, suma Olga Iglesias.

“Agora a xente acostumbrouse a saír desde Lugo, Vilalba e Sarria, onde hai máis afluencia de xente, pero creo que se está perdendo unha parte esencial do Camiño”, conclúe o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na comarca de Sarria.

Asociacion amigos do camiño sarria 2
peregrinos Triacastela