Comeza a XXVII Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara

O Concello de Láncara organiza este xoves, 30 de abril, e venres, 1 de maio, a XXVII Feira Degustación da Tenreira Galega na Pobra de San Xiao, unha cita declarada de Interese Turístico de Galicia que contará con dúas xornadas cheas de actividades para todos os públicos.
O evento combinará tradición, gastronomía e cultura nun completo programa que arrinca coa XVII Festa dos Avós e culmina coa feira de exposición de gando vacún.
A programación dará comezo o 30 de abril coa celebración da XVII Festa dos Avós. Ás 12:30 horas realizarase a recepción oficial por parte da corporación municipal na carpa situada no Campo da Feira da Pobra de San Xiao. Ás 13:00 horas ofrecerase unha actuación musical do Dúo Dilema, que dará paso ás 13:15 horas á intervención das autoridades presentes. Xa ás 13:45 horas terá lugar a comida na carpa, mentres que ás 16:30 horas o Dúo Dilema regresará ao escenario para poñer o punto final á xornada festiva.
O segundo día, 1 de maio, estará dedicado á XXVII Feira da Tenreira Galega. A partir das 10:00 horas abrirase o recinto feiral, coincidindo cunha exhibición das escolas deportivas no pavillón municipal. Ás 12:00 horas levarase a cabo a recepción das autoridades no espazo da feira, seguida ás 12:15 horas da apertura dos postos, onde se ofrecerán degustacións gratuítas de queixos artesáns, sidra ecolóxica e empanada elaborada con Tenreira Galega.
Ás 12:30 horas desenvolverase a poxa de varias xovencas, e ás 12:45 horas farase un percorrido polas instalacións e unha visita ao gando exposto. Nese mesmo horario actuará o grupo de música tradicional Val de Láncara. Ás 13:15 horas celebrarase o pregón, que correrá a cargo de José Mª Álvarez Vilabrille.
A continuación, ás 13:30 horas terá lugar a sesión vermú amenizada por Punto Clave, seguida ás 14:00 horas do xantar popular baseado en carne de Tenreira Galega Suprema. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, realizarase unha exhibición de cetraría, e ás 17:30 horas unha demostración ecuestre. Ás 18:30 horas entregarase os premios do concurso de gando vacún e realizarase o sorteo dunha becerra. Para rematar a xornada, ás 19:30 horas, Punto Clave volverá actuar para poñer o peche musical ao evento.