Comezan as festas de Láncara coa Festa da Troita como primeira actividade

A parroquia de Láncara, no Concello do mesmo nome, celebra as súas festas, como cada ano, esta última fin de semana de agosto e os primeiros días de setembro na honra á virxe do Carme.
Así, a festa comezará o venres 30 de agosto coa Festa da Troita, na que establecementos da parroquia ofrecerán a troita para o desfrute da veciñanza e as persoas que se acheguen.
Pola súa banda, o sábado 31 de agosto ás 22.00 horas terá lugar unha pancetada popular e, despois, haberá verbena amenizada polo Dúo Intervalo para poñer a toda a xente a mover o esqueleto.
Xa o domingo, 1 de setembro, ás 13.00 horas haberá misa solemne seguida de procesión e, logo, sesión vermú amenizada polo Grupo Punto Clave, que tamén amenizará a sesión de tarde e a noite, cando tamén estará a orquestra Saudade durante a verbena nocturna.
Finalmente, o luns, 2 de setembro, tamén haberá ás 13.00 horas misa solemne seguida de procesión e sesión vermú coa banda Louband de Sarria, que volverá amenizar a noite, xunto coa gran actuación das festas: El Combo Dominicano.