Convocada a XXVI edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

O Concello de Sarria e a Asociación Cultural Ergueitas convocan a XXVI edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, un dos certames literarios de referencia en lingua galega dedicado á creación poética.
Segundo recollen as bases do concurso, as obras deberán estar escritas en galego, ser inéditas e non ter sido premiadas anteriormente noutro certame. Ademais, establécese unha extensión mínima de 500 versos.
Os traballos deberán presentarse por cuadriplicado, en formato DIN A4 e escritos por unha soa cara, acompañados dun sobre pechado no que figure o título ou lema da obra no exterior e, no interior, os datos persoais da autora ou autor. As propostas enviaranse por correo certificado ao Concello de Sarria.
O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 22 de xuño de 2026. O certame contempla un único premio indivisible dotado con 6.000 euros, cantidade suxeita á normativa fiscal vixente.
O xurado estará integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito da creación e da crítica literaria. A presidencia corresponderalle ao concelleiro de Cultura de Sarria e a secretaría á presidenta de Ergueitas, ambos con voz pero sen voto. O fallo darase a coñecer antes do 8 de novembro de 2026 e será inapelable.
A obra gañadora será publicada por Editorial Espiral Maior na súa primeira edición, aínda que os dereitos continuarán pertencendo á autora ou autor da obra.
As bases tamén establecen que os orixinais non premiados non serán devoltos e serán destruídos unha vez resolto o certame. A participación implica a aceptación íntegra das condicións da convocatoria.