Convocan unha concentración en Sarria para reclamar servizo de pediatría no centro de saúde

Veciños e veciñas de Sarria están chamados a participar nunha concentración o vindeiro 14 de maio ás 9:30 horas diante do centro de saúde da localidade, co obxectivo de esixir que se garanta un servizo de pediatría axeitado. A protesta incluirá tamén unha recollida de sinaturas para reforzar a demanda cidadá.
Segundo trasladan os convocantes, a situación actual deriva da xubilación dun dos dous pediatras cos que contaba o centro, unha praza que, aseguran, continúa sen cubrir. Esta circunstancia está a provocar dificultades na atención sanitaria da poboación infantil, ao reducirse os recursos dispoñibles.
Ante esta falta de profesionais, moitas familias vense obrigadas a desprazarse ao Hospital Lucus Augusti ou a depender da dispoñibilidade da única pediatra en activo, o que complica a organización das citas e incrementa os tempos de espera.
A mobilización pretende visibilizar esta problemática e reclamar unha solución urxente que permita restablecer un servizo esencial para a atención da infancia, garantindo unha asistencia próxima e de calidade.