Cultura destina máis de 219.000 euros á restauración da capela de San Lázaro en Sarria

SarriaXa
A intervención, cun prazo de execución de nove meses, permitirá solucionar problemas estruturais e mellorar o contorno do templo
Capela-San-Lázaro-Sarria
16 Apr 2026

A Consellería de Cultura investirá un total de 219.870 euros na rehabilitación da capela de San Lázaro, en Sarria, uns traballos que veñen de saír a licitación e que contan cun prazo de execución estimado de nove meses.

O proxecto técnico identifica diversas patoloxías no inmoble, entre elas a presenza de humidades e filtracións procedentes da cuberta, derivadas do seu deterioro, así como desprendementos de elementos policromados na zona do presbiterio. Tamén se detecta a existencia de vexetación invasiva e un pavimento en mal estado no pórtico.

A estrutura de madeira da cuberta presenta igualmente danos, do mesmo xeito que as carpinterías e o sistema eléctrico. Ademais, as xuntas foron seladas con morteiro de cemento, un material pouco axeitado, e no entorno inmediato da capela existen elementos alleos á súa estética orixinal.

Co obxectivo de corrixir estas deficiencias, está prevista unha actuación dividida en dúas anualidades. Para o presente exercicio destinaranse 109.935 euros, mentres que unha contía similar reservarase para o ano 2027.

As obras contemplan a renovación completa da cuberta de lousa, así como a instalación dun novo entaboado de madeira de castiñeiro. Os muros de cachotaría serán revestidos con morteiro tradicional e substituiranse as carpinterías deterioradas por outras do mesmo material. O sistema eléctrico será renovado integramente e o chan de terrazo, a pesar de conservarse en bo estado, será retirado por considerarse pouco acorde cun espazo deste tipo, sendo substituído por un pavimento de madeira de castiñeiro.

No exterior, levarase a cabo unha reordenación do espazo, rebaixando a cota do adro para eliminar os dous chanzos actuais e habilitando unha escalinata xunto cun itinerario accesible arredor do cruceiro, co fin de poñer en valor este elemento patrimonial. A actuación completarase cun sistema de drenaxe perimetral, a retirada de varias árbores, a instalación dun pasamáns e a creación de zonas axardinadas.

No pasado mes de marzo, a xunta de goberno local rexeitara inicialmente a concesión da licenza por falta de documentación. Unha vez subsanadas estas carencias, o proxecto conta xa con informe técnico favorable e atópase en fase de licitación, cun prazo aberto para a presentación de ofertas ata o 4 de maio.

0.12120389938354