Darío Piñeiro: “Se coñeces ben o teu concello, non che fan falta grandes programas”

Explíquenos como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
No ano 2003 dous amigos meus e outro descoñecido para min dixéronme que tiña que ir a Sarria ás 8 da tarde. Entramos nun local, estaban os do PSOE, e dixéronme que tiña que ir nas listas do PSOE. Discutindo, decidimos que fora de terceiro, que de primeiro non quería ir. Así empecei. Sempre fun socialista de toda a vida. Así, entrei na Corporación municipal, na que daquela gobernaba o PP con maioría, pero nós sacamos 500 e pico votos.
Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
O que era cabeza de lista, Javier, deixouno por temas de traballo, e elixíronme a min para ser voceiro. En 2007 dixéronme que tiña que ser cabeza de lista e funo. Así, saín elixido como alcalde ata que no 2009 fixéronme unha moción de censura, cando o PP recuperou a Alcaldía facendo un pacto co Partido Galeguista. Pero fun un dos únicos alcaldes que superou unha moción de censura, e recuperei a Alcaldía no 2015. No 2019 xa conseguimos maioría absoluta.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Moitísimos, a xente non se imaxina o que é. Todo o mundo te chama, incluso cando debería chamar ao médico pero te chama a ti. Estás no medio entre a administración e a veciñanza e levas as culpas todas do que se fai arriba. Unha das veces que peor o pasei no cargo foi co tema de Begoña, unha exconcelleira que presuntamente estafou a un construtor facéndose pasar por unha empregada dunha entidade bancaria e usando o teléfono do Concello. Iso afectoume profundamente, había días en que non durmía porque para min era como unha filla e confiaba nela. Incluso ela acusoume de facer eu unha montaxe contra ela, algo que nunca fixen nin faría a ninguén. Paseino moi mal.
E beneficios?
Pouco ten. O único bo é conseguir cousas para a veciñanza, é bonito e te sentes ben, tes ilusión por mellorar o concello, pero non sei se compensa. Ademais, en Láncara sempre houbo moito bulicio político.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Moi mal, dedico 24 horas e 7 días a semana á política.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
A nivel político teño os meus obxectivos políticos cumpridos.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
En principio si. Gustaríame renovar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, porque é un auténtico desastre, de feito a xente está pagando cotas excesivas ao ter moito terreo que pasou de rústico a urbano. O PXOM contempla 22.000 vivendas, pero quen as vai facer? Non contempla urbanizar solo na Pobra de San Xiao pero si na montaña, o que non ten sentido. A xente necesita terreo urbanizable na Pobra de San Xiao, o que permitiría o asentamento da poboación no municipio. Outro proxecto sería mellorar o polígono industrial para que se asenten empresas para que veña traballar.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Eu nunca fun partidario de facer programa electoral porque prométense cousas moi xerais, eu prefiro traballar e buscar o mellor para o pobo, cada sitio necesita unha cousa diferente e concreta. Paréceme un papel cheo de promesas que ninguén cumpre. O importante é coñecer o concello. Se coñeces ben o teu concello como o coñezo eu, non che fan falta grandes programas.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Láncara necesita servizos, porque o concello non é capaz de dar uns servizos de boa calidade por si só, a Xunta debe axudar, por exemplo no SAF, pero tamén nas traídas de augas municipais, porque temos un problema, non só en Láncara senón en todos os concellos, co saneamento. A Xunta nunca firmou un convenio con nós e necesitamos máis axuda, como podería haber un Plan Único como o da Deputación de Lugo. A nivel de fibra óptica, estamos poñéndoo na zona rural, pero as empresas que fan ese labor non coñecen o territorio e é un desastre.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Moi orgulloso de conseguir mellorar as estradas e poñer asfalto quente, e tamén o tema do tren, que agora ten unha zona bonita, fixemos unha rotonda bonita e accesible que sorprende á xente que vén de fóra. Para min foron as obras máis importantes. Tamén conseguimos un segundo obradoiro dual de emprego co que se mellora o municipio. E os servizos sociais é o máis importante do concello, onde investimos máis diñeiro, xa que temos unha zona rural abandonada, queremos que sexa un concello para os veciños, para que estean ben e teñan servizos, tanto para os pequenos, os adultos e os maiores. Tamén estamos orgullosos da nosa Feira da Tenreira Galega de Láncara, xa que xunta á cidadanía, atrae xente de fóra, dá a coñecer o noso concello, e pon en valor o produto e o sector gandeiro.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Quedei sorprendido cando me operei con todas as chamadas e mensaxes que me mandaron. A xente ven a xunto de min, cóntanme a vida, séntense a gusto e estou contento con esa forma que teñen de verme e ilusióname a seguir.
Como é a súa relación coa oposición?
Con Miguel moi ben, e o PP sorpréndeme moito. Non sei se vive noutro planeta, porque moitas veces actúa con mala intención. Di cousas que non teñen coherencia, lanza mensaxes sen sentido; di cousas que son mentira e días como se fosen verdade.
MÁIS DE PRETO
-Idade, estado civil e familiar
Teño dúas fillas, que é do que máis orgulloso me sinto
-Profesión e formación
Gandeiro
-E se non o fose, que lle gustaría ser?
Gandeiro
-Que quería ser de maior?
Futbolista
-Que fai para desconectar?
Estar só
-Unha virtude e un defecto
Leal e despistado
-Un consello para compartir
Que sexan felices
-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
‘Ladrona de Vidas’, de Rocío López Núñez, as películas de ficción e a música galega
-Unha afección
Gústame o deporte, pero agora gústame máis a tranquilidade
-Un lugar que visitar
Gustaríame visitar Cuba, pero non podo ir polo que está a pasar no país
-Unha comida e unha bebida
De comida, todo, e unha copa de viño
-Unha personaxe admirada (viva ou morta)
Fraga, Carrillo, Suárez e Beiras. Son persoas que discutían, pero con educación, e chegaban a acordos
-Unha posesión preciada
A saúde
-Un desexo
Dáme moita pena ver as guerras, así que a paz no mundo
-Algo para esquecer
Nunca fun rancoroso, xa esquecín todo
-Que é o que máis valora nunha persoa?
A lealdade
-Un desafío pendente.
Xa fixen o Camiño de Santiago, así que nada
-Onde se ve en cinco anos?
En casa, descansando