David, da Escola DHG Team: “Na Escola do DHG Team, o máis importante é que os nenos e nenas se divirtan”

SarriaXa
A escola ciclista, creada en 2021 para garantir o relevo xeracional do club, afronta a súa quinta tempada cun espazo cuberto de 800 metros cadrados e un programa que combina deporte, seguridade e valores
Escola-DHG-Team-Sarria
18 Oct 2026

Jessica Fernández

Cinco anos despois da súa posta en marcha, a Escola Ciclista DHG Team de Sarria afronta unha nova tempada cun obxectivo que vai moito máis alá de ensinar a montar en bicicleta. O proxecto, nacido en 2021 dentro do club máster de ciclismo da comarca, continúa medrando e xa reúne arredor de 80 nenos e nenas de entre 5 e 18 anos, aos que pretende achegar ao deporte desde a diversión, a seguridade e a convivencia.

A principal novidade deste curso estará nas instalacións. "Antes, cando facía mal tempo, adestrabamos no mercado gandeiro do campo da feira, pero quedábanos un pouco limitado de espazo", explica David, un dos monitores da escola e profesional do ciclismo vinculado ao club. Para esta nova tempada, o DHG Team contará cunha nave de aproximadamente 800 metros cadrados situada na antiga Manosa, nas proximidades da Ribela, que permitirá desenvolver as sesións durante os meses de inverno con maiores posibilidades. A nova nave permitirá comezar xa en outubro utilizando unhas instalacións pensadas especialmente para que os máis pequenos poidan continuar coa actividade cando a climatoloxía non acompañe.

O exterior seguirá sendo unha parte fundamental dos adestramentos sempre que as condicións o permitan. Porén, a chegada do outono e do inverno fai especialmente necesario contar cun espazo cuberto, sobre todo para os participantes máis pequenos. "Contamos con que este ano a nave nova sexa un plus máis chulo para eles", sinala David.

UNHA ESCOLA NACIDA PARA GARANTIR O RELEVO XERACIONAL

A creación da escola tivo a súa orixe na necesidade do DHG Team. O club, con anos de experiencia no ciclismo e na organización de eventos como o DHU Vila de Sarria, que se celebra cada mes de xullo, observou en 2021 que a idade media dos seus integrantes era cada vez máis elevada. "Para seguir mantendo todo o que organizabamos, necesitabamos un relevo xeracional", explica David. Así naceu unha escola pensada para achegar o ciclismo ás novas xeracións e, ao mesmo tempo, garantir a continuidade dun club que non só participa en competicións, senón que tamén impulsa actividades e eventos deportivos na comarca.

Cinco persoas vinculadas ao club encárganse actualmente da formación. Os nenos e nenas distribúense principalmente por idades e non tanto polo nivel deportivo, xa que o obxectivo é que cada participante vaia evolucionando progresivamente segundo as súas capacidades e necesidades.

A experiencia acumulada durante estes anos tamén permitiu aos propios monitores coñecer mellor aos participantes. A escola foi aumentando pouco a pouco tanto no número de nenos e nenas como no de técnicos, e esa evolución permitiu comprender mellor que motiva aos máis pequenos e como adaptar os exercicios para que cada un avance ao seu ritmo.

As inscricións permanecen abertas durante todo o curso, polo que novos nenos e nenas poden incorporarse ao longo da tempada. Con todo, outubro é o momento clave para comezar, xa que permite aos participantes adquirir desde o principio unha rutina e familiarizarse progresivamente coa dinámica da escola.

APRENDER A PEDALEAR, A CAER E A PERDER O MEDO

Unha das particularidades do DHG Team é que a formación non se limita a ensinar técnica ciclista. Para os máis pequenos, os adestramentos desenvólvense polas tardes durante a semana e poden prolongarse ata tres horas, aínda que boa parte das sesións se basean no xogo. O propósito inicial é que os nenos e nenas gañen seguridade. Para iso, traballan con bicicletas, pero tamén con colchonetas e obstáculos que lles permiten experimentar diferentes movementos e situacións sen medo. Aprenden a pedalear correctamente, frear, controlar a bicicleta, levantar o pé do pedal antes dunha curva ou afrontar unha caída sen entrar en pánico.

A idea é que entendan que perder o equilibrio forma parte da aprendizaxe e que poden afrontar determinadas situacións con seguridade. "A través dos exercicios básicos dámoslles seguridade sobre a bicicleta e imos ensinándolles cousas que ao principio poden parecer difíciles, pero amosámoslles como poden facelas con garantías, con seguridade e pasándoo ben", explica David.

Nos grupos de maior idade, os adestramentos dos sábados pola mañá teñen outro enfoque. Os participantes que xa teñen maior soltura sobre a bicicleta comezan a traballar aspectos máis técnicos, como o cambio de marchas, e poden iniciar unha preparación orientada á competición se así o desexan.

A escola está especializada en BTT e ofrece unha formación ampla que incorpora diferentes disciplinas do ciclismo, entre elas o XC, o Enduro e o DH. O propósito é que os participantes non se limiten a unha única modalidade, senón que adquiran unha base variada que lles permita desenvolver diferentes habilidades sobre a bicicleta.

MÁIS ALÁ DA BICICLETA: NUTRICIÓN, SEGURIDADE E COMPAÑEIRISMO

Para o DHG Team, a formación deportiva debe ir acompañada doutras aprendizaxes. Por iso, ao longo do curso tamén se programan actividades complementarias e charlas relacionadas con aspectos que inflúen directamente no desenvolvemento dos deportistas.

Un exemplo será a participación de Eva Castro, campioa de España e referente no ciclismo, que ofrecerá algunha charla durante a tempada para animar especialmente ás nenas a achegarse a este deporte. A escola recoñece que actualmente hai máis nenos que nenas entre os seus integrantes e quere seguir traballando para aumentar a presenza feminina.

As charlas tamén abordarán cuestións como a preparación, a concentración, a xestión da frustración ou a maneira de afrontar tanto o éxito como as dificultades. A nutrición e a condición física terán igualmente o seu espazo, ao considerar que o desenvolvemento corporal e a alimentación son elementos importantes na práctica deportiva.

A educación tamén se traslada á rúa. Os responsables da escola traballan cos participantes o respecto polas normas de tráfico e circulación para que adquiran hábitos seguros máis alá dos adestramentos.

Pero hai un elemento que David sitúa por riba de todos os demais: que os nenos desfruten. "Para nós, o máis importante é que se divirtan e que se vexan como compañeiros", asegura.

O ciclismo pode parecer un deporte individual, especialmente cando chega o momento da competición, pero no DHG Team pretenden que os participantes entendan que forman parte dun grupo. Nas carreiras viaxan xuntos na mesma furgoneta e comparten unha experiencia que vai máis alá do resultado deportivo. "Queremos que o club teña unha continuidade, que eles poidan seguir levando o club e organizando eventos", explica David, que sitúa así o relevo xeracional non só na práctica deportiva, senón tamén na propia organización do club.

O esforzo é outro dos valores fundamentais. O ciclismo pode implicar moitas horas sobre a bicicleta, esixe preparación física e mental e, nalgúns casos, obriga a afrontar condicións meteorolóxicas pouco favorables. Por iso, a escola busca que os participantes aprendan a esforzarse sen perder de vista o carácter lúdico da actividade.

Esa combinación entre esforzo e diversión ten unha das súas principais expresións no Mini DHU Vila de Sarria, a versión infantil do evento que o propio club organiza cada ano. Segundo explica David, nesta última edición “batemos récords de inscricións e o evento medrou moito máis grazas aos nenos".

A escola tamén mantén actividades con outros centros e entidades da vila. Entre elas están as realizadas cada ano co IES Xograr de Sarria, con rutas como a que leva aos participantes ata a Pobra de San Xiao. Son propostas que permiten sacar o ciclismo do espazo estritamente deportivo e reforzar a súa presenza na vida da localidade.

Cinco anos despois de iniciar este camiño, o DHG Team afronta así unha nova etapa cun número crecente de participantes, novos espazos e a mesma idea coa que naceu o proxecto: formar futuros ciclistas, pero tamén persoas capaces de gozar do deporte, compartir experiencias e, algún día, tomar o relevo dun club que leva anos facendo do ciclismo unha parte da vida deportiva de Sarria.

0.14825701713562