Decenas de familias concéntranse en Sarria para reclamar melloras no servizo de Pediatría

Decenas de familias concentráronse diante do centro de saúde de Sarria para reclamar un servizo de Pediatría “axeitado” e denunciar a situación asistencial que atravesa actualmente a comarca.
Na mobilización participou tamén o BNG de Sarria, que acompañou á veciñanza durante a protesta. Desde a formación nacionalista criticaron a situación sanitaria e aseguraron que “non podemos permitir á Xunta que trate aos nenos de Sarria como fai”.
As familias denunciaron especialmente as demoras para conseguir cita, indicando que nalgunhas ocasións poden superar o mes de espera. Ademais, alertaron da sobrecarga asistencial existente no servizo, que atende arredor de 2.000 nenos e nenas cun único profesional.
Segundo explicaron durante a concentración, o servizo de Pediatría atende actualmente menores procedentes de sete concellos da comarca: Sarria, Samos, Triacastela, O Incio, Paradela, Láncara e O Páramo.
A situación agravouse, segundo denuncian, tras a xubilación da segunda pediatra da comarca, quedando o servizo cun único profesional para cubrir toda a demanda asistencial.
Por todo isto, ademais, están levando a cabo unha recollida de sinaturas entre as familias denunciantes para presentar na delegación da Consellería de Sanidade de Lugo. Xa levan máis de mil, pero esperan que sexan máis.