Denuncian o incumprimento dos ratios de alumnos en 8 centros da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Dende a Fapacel denuncian a falta de predisposición que mostra a Administración á hora de coñecer a problemática educativa
reunion-fapacel-e-anpas-lugo
reunion-fapacel-e-anpas-lugo
6 Xul 2024

Dende a Federación de ANPAS de Centros de Ensino Público da provincia de Lugo (Fapacel) denuncian a falta de predisposición que mostra a Administración á hora de coñecer a problemática educativa dos centros da provincia e moito menos de tentar achegar unha solución. Lembran que no ano 2009 os sindicatos e a Xunta asinaron uns acordos, polos cales se poderían agrupar varios cursos nunha mesma aula se se cumprían os ratios de menos de 14 alumnos para grupos dun mesmo ciclo, de para varios ciclos ou de 10 para os grupos de toda primaria.

Este ano volveron a negociar e, ademais de ratificar o acordo xa asinado, baixouse o ratio de 25 a 20 alumnos por aula en educación infantil e primaria e de 30 a 25 en secundaria. Ademais de que o alumnado dunha discapacidade maior ó 33 % contará coma 2 e cun grado de discapacidade maior a ó 65 % ou un grado de dependencia de II ou III, coma 3. Aseguran que, dende o 2009, nunca se respectou este acordo, e cando as familias pediron o seu cumprimento a resposta por parte da inspección foi que: “Os acordos non son vinculantes, non teñen rango de lei”.

Dende a federación aseguran que 8 centros da provincia estanse vendo prexudicados por este incumprimento, tanto de ratios coma de agrupamentos. Concretamente os que se atopan nesta problemática son o CEIP Virxe do Carme de Sober, o CEIP A Fonsagrada, o Castro de Ouro de Alfoz, o San Clodio de Ribas de Sil, o CEIP das Mercedes de Lugo, O Rosalía de Castro de Bóveda, o CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei e o CEIP. Monte Baliño de Pantón. Segundo sinalan, as familias destes centros séntense desprotexidas á hora de ofrecerlles ás súas fillas e fillos unha educación de calidade.

Centros en núcleos rurais

A inmensa maioría son centros localizados en núcleos rurais, os cales sempre contan cun mínimo de recursos para o alumnado e “reléganos a ser nenas e nenos de segunda”. Dende Fapacel esixen unha educación de calidade para as nenas e nenos do rural, pola que todos teñan as mesmas oportunidades, recursos e dereitos que o resto do alumnos.  “Porque…se non se van cumprir estes acordos, para que se asinaron? Hai algún que ve factible que nunha mesma aula haxa 18 alumnos de diferentes cursos e con casos de necesidades especiais”.

Pregúntanse o motivo destes ratios fixados se non se levan a cabo e ademais denuncian que o alumnado  con NEE ou NEAE “non teñen dereito a seren atendidos debidamente, sen ser relegados ó fondo da aula por falta de recursos?”. Todas estas inquedanzas foron as que motivaron á Federación a pedir unha xuntanza coa Xefatura Territorial para poñer sobre a mesa estes casos e poder, entre todos, atopar unha solución. A resposta “colaboradora” que recibiron por parte da Xefatura tras varios días sen obter resposta, aseguran, foi que “a xefa territorial ten moito traballo, coñecen a nosa solicitude de reunión, así que non chamemos máis e que agardemos a que nos chamen”.

Dende as Anpas representantes das familias afectadas e dende a propia Fapacel consideran inaceptable este tipo de comportamento e predisposición. A Federación conta con 102 Anpas asociadas e miles de familias con problemáticas diversas, pero cun obxectivo común: que se respecte o dereito das súas fillas e fillos a ter unha educación de calidade, sen discriminación, apoiando o ensino,  permitindo que o alumnado do rural se poida beneficiar dos recursos que , por dereito, lle pertencen.

 

0.16941714286804