Descubrindo o patrimonio: A Igrexa de San Salvador de Sarria
A Igrexa San Salvador de Sarria localízase no comezo da rúa Maior, fronte á Torre da Fortaleza e o Xulgado, o antigo Hospital de Santo Antón Abade do século XVI-XIX que tamén foi Escola de Gramática, cárcere e edificio consistorial; no centro da vila sarriá. É unha obra do século XIII, unha das únicas que se conservan no municipio de arte románica ou, como indican algúns autores, de cronoloxía tardorrománica, en transición xa co gótico, e de eminente carácter rural.
Esta é unha pequena igrexa parroquial dunha soa nave rectangular con teitume de madeira, rematada nunha sinxela ábsida semicircular sen apenas alardes escultóricos, concentrándose o seu principal interese nas dúas portadas de ingreso, a da fachada principal e a do muro norte.
Na porta principal, a norte, preséntase un pórtico cun arco apuntado con dúas arquivoltas con chafrán e dentes de serra que se apoian en dous pares de columnas con capiteis adornados con motivos vexetais e zoomórficos. Ademais, están tamén apuntadas e decoradas con puntas de diamante e pequenas perlas, enmarcando un curioso tímpano presidido por un Pantocrátor de trazado arcaizante ou Cristo en Maxestade, en actitude de bendicir, que protexe a entrada xunto con dúas pequenas cruces de Malta.. Coroala fachada unha espadana do ano 1860, momento no que tamén se colocou a Fonte de San Salvador na mesma praza.
Pola súa parte, a porta occidental desprega tres arquivoltas de baquetilla apuntadas que apean sobre columnas rematadas en capiteis decorados con motivos vexetais pero de relevo moi plano. Ademais, por riba da porta hai un pequeno óculo de moldura lisa que ilumina a tribuna.
A ÁBSIDA
A Igrexa San Salvador remata nunha ábsida semicircular de arte románica de transición, con tramo rectangular e cabeceira semicircular, con bóveda de canón e cuarto de esfera. Ademais, é unha das ábsidas máis completas do territorio, xa que está practicamente intacta.
Está dividida en tres panos por columnas acaroadas a modo de contrafortes rematadas en capiteis á altura da cornixa, e presenta en cada un deles unha ventá grande de medio punto de roscas axadrezadas sobre columnas cilíndricas rematadas en capiteis entre os que se adiviñan motivos xeométricos, vexetais e incluso algún zoomorfo. Completa a decoración da cabeceira unha grosa liña de imposta axadrezada a media altura.
RELACIÓN DO CAMIÑO
A Igrexa San Salvador leva centos de anos sendo testetmuña dos miles de miles de peregrinos que percorren o Camiño de Santiago a través do Camiño Francés que cruza Sarria, polo que todos os domingos ás 19.00 horas se celebra a misa do peregrino para que estes turistas relixiosos poidan presenciala e, incluso, poidan selar aquí as súas credencias do Camiño. Algúns dos peregrinos que xa pasaron por esta Igrexa defenden que o feito de que conserve a estrutura da igrexa e as súas portas románicas cheas de formas fan fermosa esta igrexa.