Descubrindo o patrimonio: As igrexas románicas do Páramo

SarriaXa

Por Jessica Fernández Cerdeira.
San Xoan de Friolfe o Páramo
San Xoan de Friolfe o Páramo
2 ene 2024

Por Jessica Fernández Cerdeira.

O Concello do Páramo acolle tres das igrexas de orixe románica máis antigas da comarca de Sarria e que despois foron reconstruídas, como a igrexa de San Xoán de Friolfe, a de Santo Estevo de Grallás, a de San Salvador de Vileiriz e a de San Vicente de Gondrame.

A igrexa de San Xoán de Friolfe data do ano 910, época na que se construíu co estilo predominante, que era o románico, aínda que despois foi reconstruída durante os séculos do Barroco, conservando aínda así as súas dúas portadas.

A igrexa está orientada ao norte e ten un pórtico moderno. Ten unha única arquivolta decorada con dentes de serra e rosetas en relevo, e un tímpano sinxelo cunha cruz de Malta inscrita nun cadrado.

Pola súa parte, a portada occidental está formada por unha chambrana axadrezada de tradición xacobea con dúas arquivoltas de medio punto e unha delas traza nove pequenos lóbulos de medio punto ao longo da súa rosca. Ademais, no seu tímpano, presenta dous lóbulos de medio punto na súa base, e posúe unha cruz na que se inxire un motivo xeométrico celta, segundo apuntan os estudosos e que está presente na portada románica conservada no Mosteiro de Samos. Xunto a ela e a cada un dos seus lados, completan a decoración outras dúas cruces patadas rexistradas en clípeos.

Outras igrexas do Páramo

A igrexa de Santo Estevo de Grallás tamén é de orixe románica, pero cuxa cabeceira foi substituída por unha nova do movemento artístico do Barroco, aínda que conservas as portadas.

Esta está relativamente preto da de Friolfe, da que copia o seu tímpano alixeirado a través de pequenos lóbulos de medio punto. Ademais, está decorada con cruces en círculos e rosetas vexetais de traza moi fina.

No caso da igrexa de San Salvador de Vileiriz, esta está situada preto da aldea Parede e do reservorio Pozo Repetidor do Páramo, e considérase a igrexa románica mellor conservada do Concello do Páramo.

Este tempo está construído nunha única nave cuberta a dúas augas que desemboca nunha cabeceira cuadrangular na que hai unha fiestra cun arco de medio punto, que descansa sobre columnas e capiteis ornamentais.

Ademais, ten dúas portadas dispostas nos muros sur e occidental da igrexa. Ámbalas dúas posúen unha recorrente gardapó axadrezado, con arquivoltas perladas e tímpanos lisos. A única diferenza entre as dúas é que a meridional desprega unha única rosca e a de poñente debuxa dous.

Por último, a igrexa de San Vicente de Gondrame tamén ten a súa orixe na arte románica, aínda que foi remodelada e, actualmente está arruinada e comida pola vexetación da parroquia de Santiago de Ribas de Miño. Porén, pódese ver nesta igrexa unha portada decorada con capiteis vexetais e zoomorfos.

Santo Estevo Grallas O Páramo
San Salvador Vileiriz O Páramo
Igrexa_de_San_Vicente_de_Gondrame_O_Páramo