Descubrindo o patrimonio: Capela de Santa María de Loio
Por Jessica Fernández
O mosteiro de Santa María de Loio, localizado na parroquia de San Salvador das Cortes, en Paradela, foi un lugar moi relevante na historia do Camiño de Santiago. Actualmente, só queda unha capela, que ademais foi recentemente restaurada.
Preto do río Miño, a capela atópase próxima ás inmediacións da ruta PR-G 14 ‘Roteiro do Loio’, que leva a descubrir lugares como fervenzas e regatos de Paradela.
De construción moderna, xa que vén de ser renovada, conta cunha imaxe de Santiago que resume o que alí sucedeu, o nacemento da Orde dos Cabaleiros de Santiago, fundada para a protección dos peregrinos e do sepulcro do Apóstolo arredor dos séculos IX-X.
A orde militar de Santiago ten orixes confusas, tanto na súa faceta castrense como na santiaguista, pero o seu primeiro antecedente parece remontarse ao século IX, cando xorde en Santiago a Irmandade dos Cabaleiros Cambeadores, a orixe dos Cabaleiros de Santiago da Espada.
Cando o rei coñece que os peregrinos eran asaltados e roubados, manda “a Brandeso seu capelán mor que dos mais altos fillosdalgo dela e dos pobladores que nela estuviesen, juntasse ante o Apóstol doce que coydasen das moedas, oro e prata e outros haberes que viñan de longas terras, que traguían os Romeyros…”. Estes cabaleiros eran os templarios de Galicia, que defendían os peregrinos e gardaban o sepulcro do Apóstolo Santiago.
O rei funda “una cofradía de la espada de este divino patrón (Santiago) en Galicia, señalando trece calificados caballeros en memoria de Cristo y sus doce Apóstoles…origen de la Orden Militar de Santiago… en la cual hubo 42 maestres hasta que la incorporaron a su real corona los Reyes Católicos”, segundo Méndez Silva.
Pero a creación da Orde en toda a súa plenitude do que significou na historia hai que situala no reinado de Fernando II. O profesor Amor Meilán recolle na súa Historia da provincia de Lugo, tomo IV, como foi a histórica asemblea que tivo lugar en Santa María de Cortes para a creación da Orde:
“Unos cuantos nobles en linaje, insignes en sabiduría, fuertes en las armas y gloriosos en todo lo material, pero pobres en virtudes y viciosos…arrepentidos de su vida de disipación y escándalo, resolvieron sin abandonar las reglas de la caballería, a la cual pertenecían…, hacer vida común y someterse a una regla religiosa que fuese como norma de su conducta y designar entre ellos un Prefecto y otros dignatarios que los dirigiesen y guiasen”.
Así, o intento dos cabaleiros acadou fortuna e a Orde conseguiu prestixio e a protección de reis, prelados e papas.
O rei Don Fernando, en 1170, incorpora a Orde a este mosteiro. Unidos en irmandade os cabaleiros e os cóengos, acordan facer as constitucións da mesma, nas que se establece que é no mosteiro onde se celebrarían os capítulos xerais, e que á morte do Maestre e ata a elección doutro, o prior da casa rexería o maestrazgo e toda a Orde.
En 1171 o arcebispo de Santiago nomea cóengo da súa igrexa ao Maestre e a todos os seus sucesores, entregándolle unha bandeira cunha cruz bordada en forma de espada.
O Papa Alejandro III, por medio da bula do 5 de xullo de 1175, aproba a constitución canónica da Orde, citando o mosteiro, o que demostra a gran importancia que alcanza para a milicia xacobea.
Porén, xorden antagonismos entre os santiaguistas, creándose dous bandos, discrepancias que se agudizan no momento de elixir Maestre. Fan causa común os de Galicia e León fronte aos de Castela. A elección de Fuencalada desgusta ao Conde de Sarria e isto foi seguramente o motivo de que se apartase da Orde, renunciado ao hábito e á encomenda que lle fora concedida, fundando así outra milicia. Coa morte daquel Maestre en 1184, volven as discordias entre os galaico leoneses e os casteláns, que vencen de novo, nomeando a don Fernando Díaz de Ávila, quen ao pouco tempo renuncia ao cargo e sucédelle o de Lemos.
Esta milicia tivo o seu lugar de enterramento para os cabaleiros de Galicia no lugar de Vilar de Doas, tal e como investigou o cura e escritor Elías Valiña Sampedro.