Desde o Concello de Samos sosteñen que foron os promotores das obras en Teibilide

O Concello de Samos aclara o seu papel como promotor das obras realizadas en Teibilide, así como en Lourido Grande (núcleo) e Lourido Grande (acceso a Pardelas).
A alcaldesa, Chus López, foi quen asinou a solicitude da subvención e o equipo de goberno municipal tomou a decisión de solicitala, escollendo ademais os camiños a rehabilitar e elaborando os proxectos correspondentes. Estas obras enmárcanse dentro do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024 (procedemento MR101L).
O importe total aboado polo Concello de Samos pola execución destas tres obras supera os 145.000 euros, dos cales o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) achegou 81.479,26 euros. Este financiamento provén nun 7,5% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), nun 17,5% da Xunta de Galicia e nun 75% do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
En total, desde o Concello de Samos sosteñen que "investimos máis de 65.000 euros de fondos propios, mentres que algo máis de 60.000 euros proceden de fondos europeos, e a achega da Xunta non alcanza os 15.000 euros".
Desde o Concello de Samos tamén se sinala que, tras a resolución inicial de concesión da axuda, aplicouse unha minoración que o consistorio recorreu e non descarta levar á vía contenciosa.
Así mesmo, o Concello de Samos lamenta non ter sido informado da visita da Xunta, que anunciou a achega de 22.400 euros a estas obras.