Diana Sánchez, do Club Atalaia: “Queremos que as nenas veñan contentas a adestrar e gocen do deporte”

Jessica Fernández
Con que intención se crea o Club Ximnasia Rítmica Atalaia?
O Club Ximnasia Rítmica Atalaia nace na tempada 2024-2025 despois de ser durante moitos anos adestradoras noutro club. Así, decidimos dar o paso e montar o noso propio club para traballar dunha forma diferente, xa que cremos que unha base firme desde idades temperás permite sacar deportistas facilmente e desde unha aprendizaxe respectuosa. Así, o máis importante que transmitimos ás ximnastas é compañeirismo, respecto, disciplina, esforzo e capacidade de superación desde pequenas. Hoxe en día contamos con arredor de 70 licenzas.
En que consiste esa maneira de traballar diferente?
Nós temos unha preparadora física que nos fai unha programación anual e unha planificación mensual para as nenas de competición, e nos adestramentos teñen unha programación cunhas cargas específicas de peso, para potencia de salto, para a mellora do equilibrio… co obxectivo de mellorar o rendemento das ximnastas. Para as nenas máis pequenas, da escola que é unha parte máis lúdica, non se aplica iso.
Como é, entón, un adestramento no Atalaia?
Temos clases de 16.00 horas a 21.30 horas e empezan as máis pequeniñas coa parte máis lúdica na que se traballa traballo de psicomotricidade, oído musical… é dicir, unha entrada á ximnasia rítmica. E ao longo do día vai aumentando o nivel, ata as de competición. E repártense, dependendo dos niveis nos que estean, máis horas ou menos horas, desde as de nivel B, que adestran unha hora e media, ata a prebase, que adestran dúas horas e media e catro días á semana. As prebase, que son as que teñen o nivel máis alto, adestran 10 horas semanais. Hai catro niveis, que son nivel B, escolar, promoción e prebase. E dentro de cada nivel temos varias categorías, que son desde a iniciación, que son a partir dos 5 anos, e ata xuvenil, entre 16 e 20 anos; pero tamén temos nenas de 3 anos e temos un neno de 5 aniños que comezou esta tempada, aínda non está ao nivel de competición, pero para o ano que vén entrará.
É todo un éxito ter un neno, non?
Si, estamos moi contentas porque ao final é un deporte como moi feminizado e gústanos pois que tamén haxa nenos que practiquen o deporte e que outros o vexan.
Que beneficios supón formar parte do club?
Nós o que facemos é ensinarlles, desde moi pequenas, as melloras que teñen cunha planificación e unha programación. Porque, evidentemente, contar cunha preparadora física é un gasto para o club, pero é un investimento para as nenas. Porque, ao final, ti estás formando deportistas, xa que queremos que as nenas melloren e teñan un rendemento mellor. Por iso, intentamos inculcarlles os valores propios do deporte e que ten que haber un esforzo e unha disciplina. É dicir, non poden ir xogar. O xogo é para unha actividade extraescolar. Pero nós temos claro que somos un club que nos dedicamos ao deporte. Entón, o tempo que veñen é para facer deporte. E é un deporte moi esixente. Aquí tes 2 minutos para mostrar todo o traballo que levas facendo durante o ano. Sabemos que é moi esixente, de moita precisión e moi psicolóxico. Por iso intentamos que todos os adestramentos sexan moi planificados e programados co pouco tempo que tes para sacar o mellor de cada unha.
Valorando estas dúas tempadas, as nenas séntense a gusto con esa forma de traballar?
Ás nenas gústalles traballar con planificación, porque van entendendo as cousas desde moi pequenas: como utilizar os aparellos que usan, por que para adestrar utilizamos materiais como gomas, tacos, pesas... Elas van entendendo como vai a cousa e gústalles.
Detectaron algunha necesidade?
Nós o problema que temos é a altura dos pavillóns. Para facer ximnasia rítmica, ti necesitas lanzar un aparello ao aire. A Federación Española e a Internacional pídenche unha altura determinada. E agora mesmo ningún pavillón de Sarria cumpre cos requisitos. Ti queres mellorar un pouco, pero é que non cho permite o pavillón. Un provincial, que é o que fai a federación, non se poden facer aquí, en Sarria, porque non dá a altura. Non é o mesmo un torneo, que si pode celebrarse, pero si que nos gustaría contar cun pavillón alto.
Cal é o obxectivo a futuro do club?
Queremos seguir facendo o que estamos facendo ata agora. Gustaríanos manter isto, creo que imos nunha boa liña, ter 70 nenas é un logro e queremos seguir mantendo o que estamos facendo. Non estamos pensando no grande, estamos pensando en manter o ritmo que levamos, que cremos que é bo e ter as nenas contentas, que practiquen un deporte que lles encanta e que veñan felices a adestrar, é o máis importante. Se algún día chegamos a ir a un gran campionato, ben, pero non é o noso obxectivo tampouco. Queremos seguir traballando como o estamos facendo ata agora.