Down Galicia fai balance da súa empregabilidade

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os 240 contratos de traballo en empresas ordinarias e administracións foron desempeñados por 205 persoas da bolsa de emprego das entidades Down de Galicia.
sindrome de down emprego
30 Apr 2024

Os 240 contratos de traballo en empresas ordinarias e administracións foron desempeñados por 205 persoas da bolsa de emprego das entidades Down de Galicia.

Un total de 205 persoas participantes no programa de Emprego con Apoio da Federación Down Galicia estiveron contratadas en empresas ordinarias ou administracións públicas da súa contorna durante o ano 2023. Este é o mellor dato no relativo a oportunidades laborais a persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais desde que a entidade implantou o programa de Emprego con Apoio no ano 2002.

Por outra banda, a porcentaxe de persoas usuarias da bolsa de emprego de Down Galicia que tiveron acceso a un posto de traballo neste período mantívose en relación ao ano anterior, alcanzando o 77,4%. Esta alta porcentaxe ten aínda máis mérito se temos en conta o elevado número de participantes no programa, que nesta ocasión ascendeu ata as 265 persoas usuarias, chegando así ao máximo histórico, e deixando constancia da importancia que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais lle outorgan a ter un emprego.

En canto á distribución por localidades, obsérvase que foron 70 persoas as que traballaron en 2023 na zona de Vigo, 36 na Coruña, 26 en Ourense, 22 en Pontevedra, 21 na área de Compostela, 20 en Lugo e 10 na zona de Ferrolterra.

Estas 205 persoas contaron cun total de 240 contratos de traballo, mediante os que os traballadores e traballadoras puideron adquirir experiencia en postos tan variados como auxiliar de biblioteca, preparación de pedidos online, atención ao cliente, vendedor deportivo, operador de loxística, celador, peón electricista, azafatos de eventos, expendedor de fuel, axudante de recepción, masaxista, persoal de cociña, auxiliar administrativo, telefonista, ordenanza, limpeza ou persoal de cafetería, entre moitos outros.

Despuntan neste período o número de contratacións indefinidas e o de prórrogas dos contratos, que supoñen máis do 75% das contratacións totais no primeiro caso e chegan a 24 no segundo, mellorando as cifras do ano anterior. Estes datos poñen claramente de manifesto a eficacia das persoas con discapacidade intelectual nos seus postos de traballo, demostrando que teñen capacidades máis que suficientes para superar o reto que lles propón a sociedade en canto ao traballo inclusivo.

Destacan tamén as 67 formacións prácticas realizadas polos usuarios e usuarias das entidades Down en Galicia, coas que reforzan a súa motivación cara o emprego e melloran as súas habilidades socio-laborais. Sumando contratos e formación práctica, o 89,8% das persoas usuarias do programa de emprego de Down Galicia contaron con unha oportunidade no eido laboral o pasado ano.

Non obstante, o principal escollo para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual segue a ser a curta duración das súas xornadas de traballo, non chegando na gran maioría das ocasións á xornada completa.

Porén, aínda que desde hai uns anos podemos observar como se acadan bos datos na inserción do colectivo, o acceso a un posto de traballo de forma normalizada segue a ser un dos grandes retos das entidades que traballan a prol da inclusión laboral na empresa ordinaria e nas administracións públicas.

Acceso ao Emprego Público

O 2023 tamén foi un bo ano no relativo ao acceso ao emprego público, pois tres persoas vencelladas a Down Ourense acadaron postos como pinches de cociña no Complexo Hospitalario de Ourense.

Ademais, Noela Avendaño, usuaria de Down Vigo, consolidou a súa praza como funcionaria no Concello de Vigo tras 14 anos traballando na Xerencia Municipal de Urbanismo da administración local.

Con todo, é importante destacar que un dos principais retos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade intelectual hoxe en día está relacionado co acceso ao emprego público, onde, a pesar do aumento no número de convocatorias específicas para o colectivo, estas continúan sendo aínda insuficientes.

Por outra banda, debemos ser conscientes de que o abano de persoas con discapacidade intelectual é moi amplo. Por tanto, esta realidade ten que ser tida en conta á hora de realizar estas convocatorias, que deberían introducir medidas de discriminación positivas nos requisitos das mesmas. Deste xeito, garantiríase a igualdade de oportunidades de todas as persoas con discapacidade intelectual no acceso ás prazas reservadas.

Así mesmo, tamén é necesaria unha flexibilización nos resto de criterios de acceso a estas prazas, pois, a pesar de que as persoas coa síndrome de Down son perfectamente capaces de realizar as tarefas encomendadas no posto de traballo e de superar os procesos selectivos, non poden acceder aos mesmos porque priman máis os requisitos mínimos, como pode ser unha titulación en Educación Secundaria Obrigatoria, que a traxectoria educativa da persoa.

Máis de 20 anos coa metodoloxía Emprego con Apoio

Foi no ano 2002 cando as entidades Down en Galicia comezaron a desenvolver o programa Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.

Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo.

Deste xeito, as persoas que se incorporan a un novo emprego contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que a persoa empregada poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de maneira positiva e natural.

Trátase, en definitiva, de prestar ás persoas con discapacidade intelectual os medios, os recursos e os apoios necesarios que faciliten a súa participación no mercado laboral da súa comunidade da mesma maneira que o resto de cidadáns e cidadás, favorecendo, deste xeito, a súa incorporación ou a súa estabilidade laboral e, de forma máis extensa, a súa inclusión social.

Avalada polos seus bos resultados, esta metodoloxía estase a consolidar como unha estupenda fórmula de inserción laboral para aqueles colectivos con máis dificultades á hora de atopar un traballo e supón unha alternativa idónea ás fórmulas de emprego protexido, baseadas nunha filosofía claramente asistencial e concibidas cun carácter instrumental e non como perpetradora do cambio nin como solución final ao problema.

A importancia da inclusión laboral

Nun mundo cada vez máis diverso, o emprego inclusivo converteuse nunha necesidade para as empresas e as administracións que buscan non só fomentar a diversidade, senón tamén ofrecer oportunidades en igualdade de condicións a tódalas persoas, independentemente das súas características persoais.

O emprego inclusivo non só contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, senón que tamén ten un impacto positivo nas empresas que as contratan. A diversidade no lugar de traballo aumenta a creatividade, a innovación e a produtividade das empresas, o que se traduce nunha mellora nos resultados empresariais e na motivación dos empregados e empregadas.

Pero, sobre todo, a inclusión laboral é a mellor fórmula para que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais melloren a súa calidade de vida, adquirindo un incremento nas súas cotas de responsabilidade, de autoestima, de actividade, de sociabilidade e de autonomía persoal.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14908480644226