Eirexalba celebrará as súas festas na honra á Virxe da Presentación os días 10 e 11 de agosto

A parroquia de Eirexalba, no municipio do Incio, celebrará os días 10 e 11 de agosto as súas festas na honra á Virxe da Presentación cun programa que combinará actividades para todos os públicos, actos relixiosos e varias actuacións musicais.
A programación comezará o luns, 10 de agosto, ás 17.00 horas, con xogos acuáticos e infantís no Campo da Festa. Pola noite, a partir das 22.00 horas, celebrarase a primeira gran verbena das festas coa actuación da charanga El Brexit.
Xa o martes, 11 de agosto, os actos darán comezo ás 13.00 horas coa misa solemne, acompañada por unha coral, seguida da tradicional procesión e dunha sesión vermú amenizada polo Dúo Estrellas. A partir das 22.00 horas terá lugar a festa e verbena de clausura, que contará coa actuación do Dúo Estrellas e da orquestra Marbella, encargadas de poñer o broche final ás celebracións.