Elena López debuta no rally raid cun terceiro posto no Cierzo Rally

A piloto de Samos Elena López asinou un destacado debut no rally raid ao subir ao podio na súa primeira competición nesta modalidade. López rematou terceira no VI Cierzo Rally Ejército de Tierra, celebrado en Zaragoza e puntuable para o Campionato de España de Rallyes Todo Terreo, nunha proba que lle serviu para poñer a proba por primeira vez en competición todo o aprendido co roadbook.
A samanense afronta así unha nova etapa deportiva despois de deixar atrás o enduro para centrarse no rally raid ou rally de navegación, disciplina na que ten previsto competir o próximo ano no Campionato de España.
A experiencia estivo marcada pola esixencia tanto da condución como da navegación. A proba contou con 360 quilómetros cronometrados, ademais dos enlaces, con altas temperaturas, especiais moi rápidas e tramos nos que o po chegou a deixar momentos de visibilidade practicamente nula.
"Ni nos meus mellores soños. Todo era novo para min", explicou López, que destacou a diferenza entre adestrar cun roadbook e enfrontarse a unha carreira na que debe xestionar simultaneamente waypoints, límites de velocidade, controis horarios, navegación e pilotaxe.
Na primeira especial, os nervios e a cantidade de información que tiña que procesar fixeron que lle custase atopar o ritmo. Aínda así, logrou completar a SS1 na terceira posición.
A segunda especial foi moi diferente. A piloto conseguiu "cambiar o chip", confiar en si mesma e gozar máis da condución, ata o punto de colocarse primeira da clasificación xeral. Porén, cando afrontaba o último quilómetro da xornada, un despiste provocado polo cansazo acumulado fixo que perdese un waypoint.
A incidencia traduciuse nunha penalización de 18 minutos e provocou que descendese ata a terceira posición da clasificación xeral, posto que finalmente mantivo.
A pesar dese erro, López fai unha valoración positiva da súa primeira experiencia competitiva no rally raid e considera que forma parte do proceso de aprendizaxe nunha disciplina nova para ela.
"Isto forma parte do xogo, hai que cometer moitos erros para aprender", sinalou a piloto samanense, que asegura quedar "coa experiencia, coa aprendizaxe e con moitas ganas de seguir".