Elsa Ferrer: “O obxectivo é seguir difundindo a música clásica en Sarria e xerar novos públicos”

SarriaXa
Falamos con Elsa Ferrer, membro fundadora de Ars Combinatoria e profesional da música como violín solista
Ars-Combinatoria
19 Maio 2024

Por Jessica Fernández.

Cando e por que xorde a Asociación Arsactus?

En 2006 créase a Asociación Arsactus para xestionar a súa actividade musical, algo difícil de levar a cabo polos propios músicos, así como desde empresas. Desde entón, Arsactus é a entidade xestora de Ars Combinatori e a asociación dedícase a difundir a cultura por medio de diferentes disciplinas artísticas, principalmente a música.

Que é Ars Combinatoria?

Ars Combinatoria nace en 1991 da inquedanza por facer músicas de todas as épocas. O grupo, que leva ofrecendo concertos máis de trinta años, está formado por instrumentistas e cantantes que varían entre un e preto de setenta, segundo o repertorio (música de cámara, orquestra, coro ou ambos). Realiza principalmente unha actividade artística a través dos concertos, á par que desenvolve unha actividade educativa en Ars Principia, sen esquecer a actividade social, xa que arredor dos concertos, achega as súas músicas a sectores máis desfavorecidos.

Cando xorde Ars Principia?

Nos anos 2013 e 2014 comézanse a realizar clases de violín en Sarria e Lugo dirixidas a nenos e nenas que desembocaron nunha orquestriña xuvenil dirixida por profesionais de Ars Combinatoria, polo que se bautizou á orquestra como Ars Principia. Está formada por novos de idades comprendidas entre os 8 e os 20 anos, algúns deles proceden daquelas clases de iniciación.

Que é ‘Música versus Espacios’?

‘’Música versus Espacios’ é a temporada de concertos de Ars Combinatoria e a programación está formada por concertos que se ofrecen en lugares con encanto,  emblemáticos ou relacionados co repertorio tanto en Madrid (Igrexa de San Ignacio de los Vascos, Residencia de Estudiantes de Madrid...) como en Galicia (Colegiata de Xunqueira de Ambía en Ourense, Igrexa de Santa Marina, Sociedad La Unión ou Convento da Magdalena en Sarria, entre outros).

Cal é a base do ciclo de concertos de música clásica en Sarria?

Sarria Clásica é un ciclo que, na súa maioría, consta de concertos de música de cámara, é dicir, de modelos de pequeno formato (entre dous e cinco intérpretes). Os diferentes programas abarcan desde o Barroco ata música contemporánea escrita hoxe en día. É unha excepción o concerto do 2 de agosto, que será ofrecido pola orquestra Ars Principia, formada por uns 40 novos e novas.

Como foi a organización desta iniciativa?

Ars Combinatoria, dirixido polo sarriao Canco López, sempre tivo unha forte relación con Sarria. Nos anos 2008, 2009, 2017 e 2018 creou un Festival chamado Artes no Camiño, no cal César No participaba como artista, e o evento inundou as rúas da vila. Hoxe, desde o seu posto de concelleiro de Cultura, incansable no seu empeño, propón esta idea  apostando por un proxecto que coñece ben.

O obxectivo de ambas partes, tanto do Concello de Sarria como de Ars Combinatoria, é seguir difundindo a música clásica en Sarria e xerar novos públicos.

Por que é interesante esta iniciativa para Sarria?

Sarria goza dunha parte antiga moi fermosa ademais de diversos espazos tanto interiores como exteriores perfectos para este tipo de concertos. Por outra parte, posúe un piano de cola localizado na Casa da Cultura que permite interpretar repertorios concretos. Pola súa parte, conta con una poboación moi variada e, como lugar de partida da última etapa do Camiño a Santiago a través do Camiño Francés, conta con multitude de peregrinos que pasan pola zona constantemente.

Con moita ilusión volvemos a levar as nosas músicas a Sarria, esperando ser capaces de transmitilas tanto a un público xa veterano como a novos oíntes igualmente motivados, que cheguen a converterse en asiduos e entusiastas.

0.074902772903442