Entrevista: "A experiencia en Latinoamerica fíxome medrar moito como ser humano e como artista"

SarriaXa
Xabier Vizcaíno é un artista nado no Incio que sacou fai pouco o seu último traballo: Neno do Monte, un libro-disco adicado ao rural galego.
xabier vizcaino incio
xabier vizcaino incio
19 sep 2021

Xabier Vizcaíno é un artista nado no Incio que sacou recentemente o seu último traballo: Neno do Monte, un libro-disco adicado ao rural galego. Ademais, comenta a inspiración dos outros discos e a experiencia que adquiriu viaxando polos distintos países de Latinoamerica.

Cando empezou no mundo da música? Por que?

No mundo da música empecei con 17 anos porque realmente sentía que me nacía dentro e que precisaba sacalo. Por iso, comecei nun grupo de Sarria que se chama Enigma, nas festas e verbenas. De feito, fun cofundador con outro músico sarriao e, a partir de aí, foi todo seguidiño, coma o pasodobre. Estiven uns anos nese grupo e despois xa viñeron máis cousas, polo que pasei a outro grupo que xa non era deste estilo de música. Aí foi onde comezou todo. 17 aniños cumpriu a miña vida musical.

Cal é o estilo que máis lle gusta?

Eu non son de estilos, eu respiro a música, a que me fai mover por dentro ou non. Dáme igual, escoito todo tipo de estilos e encántanme todos. A min pódesme ver escoitando a Bach, Mozart ou tamén a Eskorbuto, co punk máis profundo. Non teño unha preferencia exacta, gústame todo tipo de música que estea ben feita e que me faga mover por dentro.

Cales foron as súas influencias a nivel musical?

Moitísimas. Eu sempre escoitei moitísima música e moi variada, por iso non teño cores nin formas diso. Nestes momentos, si que é certo que todo é reggeaton e que me custa un chisquiño máis, sen embargo, tamén considero que existe reggeaton ben feito e que me move por dentro. O que me molesta da situación é que todo o que se escoita actualmente sexa iso. Eu considero que é un erro porque existe unha variedade musical incrible aquí en Galicia e en todo o mundo en xeral. Penso que é unha pena.

Para min, por exemplo, Chabuca Granda, Chavela Vargas e Víctor Jara, entre outros foron un punto de inflexión á hora de escribir cancións. Tamén, outro aspecto que influíu foi o feito de que me encante ler poesía. De feito, considero que a poesía galega que temos é tan marabillosa que o mundo aínda non o sabe. Sen embargo, non teño un patrón e considero que é unha convivencia entre todo iso. Considero fundamental escoitar todo tipo de música da que me poda mover e que me faga mover por dentro.

Xa sacou dous discos, que significa cada un deles para vostede?

Algo moi importante. Eu son unha persoa que valora moito as cousas ben feitas e considero que os pequenos detalles son fundamentais, sobre todo, na música.

O primeiro disco significa moito porque foi o primeiro e porque veu a raíz dunha maqueta que eu fixen cando me fun 6 meses a Latinoamerica, cunha guitarra e cunha mochila a aprender e a recorrer mundo. A respirar vivencias novas.

O segundo porque a viaxe por toda Latinoamerica tróuxome cancións novas e ritmos diferentes. E o terceiro é moi especial para min e é o que ando presentando agora. Trátase dun libro-disco integramente en galego con textos e músicas adicados ao noso rural. É algo moi especial para min porque este último traballo empezou na miña casa xa que son historias e relatos que meus avós me contaban de cando eles eran nenos. Desta maneira, mesturei eses cinco relatos con seis pezas que fun recollendo da miña autoría pero que, dalgunha outra maneira, me deu o monte. De feito a obra chámase Neno de Monte. Estou moi feliz por este último traballo.

Como foi a experiencia en Latinoamerica?

Foi marabillosa. De feito, foi algo que me fixo medrar moitísimo como ser humano e tamén como artista, como músico. Foron seis meses moi intensos e fun por completo ao descoñecido. Funme cun billete de ida pero non levaba billete de volta. Aterrei en Bogotá, Colombia, e a raíz de aí paseime por todos os países de alí. Foi unha experiencia marabillosa onde coñecín persoas de todos os ámbitos e aspectos, tanto artisticamente coma do resto. Por exemplo, a xente do rural boliviano marcoume moito porque é unha cultura irmán á que temos pero á vez diferente. Por tanto, foi unha maneira marabillosa de abrirme a mente e os ollos.

Por que decidiu emprender esta viaxe?

Porque tiña moitas gañas de coñecer Latinoamerica. Eu son das persoas que pensa que os galegos sobre todo, temos moito que ver con esa cultura. De feito, eu teño moito máis que ver con calquera persoa de Latinoamerica ca cun francés ou un inglés. Nós somos latinos, temos o sangue quente e apetecíame moito coñecer esa cultura, tanto do norte coma do sur de Latinoamerica. Para min, tamén era importante para seguir crecendo como persoa e como músico e consideraba fundamental empaparme de esas culturas. Ao final, non ten nada que ver estar en Colombia ca en Bolivia, nin é o mesmo estar en Bolivia que en Arxentina ou Brasil. É unha mestura marabillosa, unha riqueza cultural que xa quixera ao que lle chaman primeiro mundo.

En canto aos discos, cal foi o que máis tempo lle levou realizar?

Dos que máis tempo me levou porque está feito cun especial cariño é este último Neno de Monte, aínda que con especial cariño están feito todos. Sen embargo, este último ao ser libro foi máis complexo. Ao fin e ao cabo, eu escribo cancións e é algo que me encanta pero nunca me puxera a escribir relatos ou prosa e non é o mesmo. Si que é certo que para min foi unha experiencia marabillosa e unha aprendizaxe brutal porque é iso, eu nunca o fixera. Por iso tívenme que aplicar e poñer 14 sentidos para poder levalo a cabo. Por outra beira, as cancións tamén foron moi especiais. Aínda que xa fixera cancións en galego anteriormente, facelo desta maneira non foi tan doado. O resultado desde logo que foi o que tiña en mente e a verdade é que con todo o esforzo que me levou, mereceu moito a pena.

Poderíase quedar con algún disco en especial?

Iso é complexo. Non sei que é ter fillos pero fáiseme similar a cando lle preguntas a un pai ou nai cal é o fillo preferido. É difícil quedarse con un porque todos teñen cousas moi importantes para min, diferentes, e non sabería dicir. De momento non me podería quedar con ningún. Sempre digo que escollería o último porque é o que teño máis fresco, sen embargo, non podería elexir ningún en particular. Este último é moi especial pero os tres teñen cousas moi importantes para min.

Que é o que máis lle gusta da música?

Uf, esa é unha pregunta moi ampla. Non todo porque coma en calquera outro oficio ten pros e contras. O que pasa é que a min faime sentir dun xeito moi especial subirme a un palco, cantar as miñas cancións e que alguén as estea escoitando e lle faga sentir algo. Para min iso é moi importante. Que eu cante nun lugar as miñas propias cancións, co que iso significa para min, e que a alguén que está escoitando lle faga mover os adentros é algo marabilloso. Penso que iso é o máis máxico de toda esta profesión, que alguén cante as cancións que ti escríbeche na soidade máis absoluta.

Considera o mundo da música un mundo complicado?

Si, moi complexo e cada vez máis. De feito, deste tema poderíase falar toda a tarde. É complexo porque non é só escribir cancións, subirte a un escenario, cantar e sentarte con outros músicos para desfrutar dunha interpretación. Abarca moitísimas máis cousas. Actualmente, fanse bromas nos programas de televisión porque consideran que en 3 meses se fai un artista. Dicía Serrat: “a min levoume 40 anos, hai xente que o logra en 3 meses”. Entón, partimos desa base e facer unha carreira musical de fondo coma eu a entendo, leva moitísimos anos. Ser artista non se fai nun ano, nin en dous, nin en dez. Eu considero que é un proceso lóxico que leva moitísimos anos e é un continuo aprendizaxe.

Por outro lado, nos momentos que vivimos agora musicalmente, sobre todo as multinacionais e redes sociais, empregan material de usar e tirar continuamente polo que, cando unha canción non chega ao estribillo aos 20 segundos, xa tiran con ela. E iso é algo que contaxiou a xente. Por iso, cada vez é máis complexo contar algo nunha canción e, sobre todo, que a xente a escoite. Porque considero que estamos nunha era, ademais de dixital, tremendamente volátil e extremadamente rápida. Ademais, creo que se pasan por alto moitos factores que para min son básicos e importantes na música.

Outra cuestión que considero relevante e que é un problema, aínda que pareza algo pedante pola miña parte, é que se está a fastidiar o oficio da música. Eu gáñome a vida co meu oficio, coa música, polo que iso é o meu traballo. Pago impostos coas miñas cancións e coa miña maneira de facer música. Por iso, non tería sentido que eu traballando disto, nos días soltos, por exemplo, decidira ser fontaneiro e ir amañando avarías por aí. Eu non estou dado de alta niso e podo facer o traballo máis barato aínda que sexa dunha maneira menos profesional. Sería algo que moralmente non sería correcto. O mesmo pasa coa música e eu considero que é un problema para o oficio. Que se sigan vendo este tipo de cuestións é complicado e é un problema para a música.

Cal foi o concerto máis especial que fixo?

Fixen varios especiais pero quédome quizais coa primeira vez que toquei no Incio, cando presentei o meu segundo traballo, Diáspora. Foi un momento especial porque tamén estaba toda a banda e era a primeira vez que tocaba no Incio e, ao ser de alí, ten un algo especial.

Tes algún lugar no que lle gustaría actuar que non o fixera?

Moitísimos, non teño un sitio en particular pero sempre me prestaría actuar no teatro Colón da Coruña ou no Mar de Vigo. Sen embargo, hai moitos realmente.

Xabier vizcaino
xabier vizcaino