Entrevista: “As grandes compañías aplican subas de ata un 300 por cento”

SarriaXa
Entrevista: “As grandes compañías aplican subas de ata un 300 por cento”, José María Garrido fundador e director de Gesa Enerxía
xesa enerxia portada
xesa enerxia portada
6 nov 2022

José María Garrido Blanco, fundador e director comercial da empresa Gesa Enerxía, Proxectos e Xestións SL situada na rúa Matías López de Sarria.

Como e por que nace Gesa Enerxía?

Gesa Enerxía nace no ano 2014 a raíz da miña propia experiencia laboral traballando como asesor durante dous anos para varias compañías eléctricas. Nese tempo decateime de que no sector había unha falta de rigor e profesionalidade cara o cliente por parte das grandes compañías que non me gustou nada, polo que decidín facerme independente e fundar Gesa. Ese é o obxectivo baixo o que naceu esta empresa.

Dende cando contan con esta sede de Sarria?

Pois realmente en Sarria é onde se sitúa o inicio da nosa primeira oficina, anteriormente atopábamonos nun edificio da rúa Nova da cal nos mudamos a finais do 2020 para abrir a actual oficina que está en Matías López número 43, no baixo. Por suposto, estamos encantados de recibir a todos aqueles que teñan calquera dúbida sobre a súa factura de luz ou subministro, poden vir sen compromiso ningún e estaremos encantados de resolvela e de atendelos.

Por cantos traballadores está composta e cal é a función a desempeñar por cada un deles?

Gesa Enerxía conta cun total de seis traballadores, dous deles na oficina de Sarria e catro nas de Lugo e Santiago. Tres destes traballadores son os encargados da atención xeral nas oficinas e da xestión documental e de darlle soporte aos outros tres que son os comerciais.

Que tipo de servizo ou asesoramento ofrecen ós seus clientes?

Dende Gesa Enerxía ofrecemos un servizo completo de asesoramento enerxético tanto a pemes como a todos aqueles fogares que nolo soliciten. Nese asesoramento entra absolutamente todo o referido ó subministro enerxético: dende cambios de titularidade, subas e baixadas de potencia, ata cambios de tarifa e de compañía ou optimizacións de consumo. Todos estes trámites xestionámolos dende o principio ata a fin, conseguindo que os nosos clientes se despreocupen de todo, sabendo que o deixan nas mellores mans.

Adicionalmente dende Gesa Enerxía levamos tamén estudios de auto consumo fotovoltaico, realizamos os estudios de amortización e encargámonos de buscar as mellores opcións para a instalación de placas fotovoltaicas así coma o seu continuo seguimento.

Cal é a tarifa más solicitada por eles?

Actualmente o mercado cambiou por completo, anteriormente a tarifa variable era a máis solicitada e a máis económica pero a raíz da incerteza e as grandes subas de prezo, a tarifa de prezo fixo foi a que colleu máis peso nos últimos meses.

Con cantos clientes contan na actualidade?

Hoxe en día contamos con algo máis de 5.000 clientes, pero as nosas previsións son superar os 6.000 a principios do ano que vén.

Tal e como está o mercado da electricidade, cales son as principais queixas que lles manifestan os seus clientes?

A maior preocupación obviamente é o prezo, pero neste ultimo ano houbo un caos a raíz do cambio de tarifas que promoveu o Goberno en xuño do ano pasado, a cal provocou retrasos na facturación e moitas lecturas estimadas que nos encargamos nós de reclamar unha por unha para conseguir que se lle facturaran as cantidades correctas ós nosos clientes. Esas foron as principais queixas.

Que opinan ó respecto do novo plan de axudas que vai aprobar o Goberno para reducir ata nun 40% o custo da factura da luz?

Pois sinceramente calquera que teña unha pequena noción sobre o mercado eléctrico saberá que iso é imposible, que este tipo de mercados libres reaccionan sempre negativamente a medidas impostas obtendo resultados negativos de algo que parecía que ía ser positivo. Claro exemplo é o topado do gas que ocasionou en agosto que os españois pagasen a media da enerxía máis alta da historia sumando o famoso topado.

Que consellos daría á xente no seu día a día para reducir o consumo nos fogares?

Penso que dende a miña postura podería darlles moitísimos consellos ós lectores pero tentarei ir ós imprescindibles.

No relativo á calefacción o máis importante é investir primeiro nun bo illamento, podes ter a calefacción máis eficiente do mundo que se non tes un bo illamento na casa non che vai servir de nada.

E por último con respecto ós contratos e ás facturas de luz, neste ámbito o máis importante é revisar a data de fin de contrato ou de renovación automática do noso subministro, xa que as grandes compañías están aplicando subas nas renovacións de ata un trescentos por cen no prezo. Se tes un contrato ou unha renovación automática de antes de maio deste ano lembra que non se che está aplicando a topaxe do gas, polo que espera a que se termine dito contrato para realizar calquera tipo de cambio.

xesa enerxia3
xesa enerxia
xesa enerxia2