Entrevista: "Dende o Concello de Sarria non comunicaron nada sobre as festas"

SarriaXa
O presidente da Asociación de comerciantes e empresarios de Sarria, Ricardo Arias, comenta a situación que vive o comercio da vila.
asociacion comerciantes empresarios sarria
asociacion comerciantes empresarios sarria
13 Xuño 2021

Ricardo Arias Alvaredo, presidente da Asociación de comerciantes e empresarios de Sarria, comenta a situación que viven os comerciantes da vila, así coma a repercusión que teñen as festas de San Xoán no consumo.

Sábese algo dende a Asociación de comerciantes e de empresarios de Sarria sobre a realización das festas de San Xoán? Comunicouse algo dende o Concello de Sarria?

Dende o Concello de Sarria non comunicaron nada sobre as festas, o único que sabemos é o que saiu pola prensa; da posibilidade de que actuara algún grupo pola rúa pero, según temos entendido, en principio festas como tal non vai haber.

Que supuxo para os comerciantes de Sarria que o ano pasado non houbese festas?

Foi coma unha semana normal. A nivel de consumo para o comercio e para a hostalaría non tivo efecto ningún, ou moi pouco. Se non se realizan actividades ou algún evento pérdese diñeiro, iso é unha cadea. Aínda que se realice algunha actuación na rúa, o consumo e o peso non son iguais e a nivel comercial ten un efecto importante en canto á pérdida de beneficios.

As previsións para este ano son similares ás do ano pasado?

Este ano está sendo un ano moi raro por como evoluciona todo: as medidas sanitarias, a vacinación... Por exemplo, no Arde Lucus parece que van a realizar actividades con limitacións e é incluso antes ca o San Xoán. Por aquí non sabemos nada, non temos información, o único que sei é o das actuacións pola rúa que vin na prensa, aínda que é evidente que ese non é o ambiente de festa habitual. Aínda así, eu entendo que non se poidan facer verbenas, nin festexos coma se nada pasara. Eu penso que vai a ser similar ao ano pasado.

Como valorades as festa de San Xoán?

A nivel consumo sempre teñen tirón porque hai máis compras -tanto no sector da alimentación, coma no textil, no da hostalaría...-. Fai que se produza movemento de diñeiro, algo que é bon para o comercio e para o pobo en xeral. O non haber actividade ou haber pouca perxudica a nivel económico pero hai que ser conscientes de que a situación é a que é. O importante é seguir dando pasos, pouco a pouco, porque xa se viu o que ocorría cando se intentaba apurar a cousa. Se imos ter catro días de festa movemos máis diñeiro pero se resulta que despois, temos que estar pechados dez días, xa perdemos todo o que gañamos. O mellor é ir paseniñamente e dar os pasos en firme. En Sarria, por sorte, non tivemos demasiado problema cos peches porque non houbo grandes brotes e a ver se seguimos así.

Dende a asociación apoiades o estilo de festas que en principio se van a realizar?

Hai que ser sensatos, non imos volvernos tolos. A economía ten que seguir e temos que volver a unha actividade normal, pero non volverse tolos. Non pode ser que mañá digan de voltar á normalidade con festas e coa acumulación de xente que había antes. Eso, ao mellor, pagámolo caro. Despois do que vimos durante un ano, a experiencia está ahí. Hai que ser sensatos e tratar de que o negocio vaia sobrevivindo.

Estades recibindo algún tipo de axuda económica?

Os bonos de comercio que deron dende a Deputación é algo que nos está valendo moito. Están apoiando a que se mova o comercio porque incentiva á xente a ir a comprar aínda que as axudas sean pequenas. Hai xente que quedou sen traballo ou que traballa menos horas, polo que ingresa menos cantidade de diñeiro. Se encima suben impostos, o comercio acaba perdendo clientela. Ao final todos estos aspectos repercuten no consumo.

A maior axuda que recibisteis foron os bonos de comercio?

Sí, ata agora foi practicamente o que houbo. Tamén é certo que houbo movemento de campañas e axudas individuais que dependían do tipo de actividade comercial. Ao fin e ao cabo, houbo negocios que estiveron máis afectados ca outros. Moitos comercios pediron axudas ou créditos ICO cando estaba todo pechado xa que tiñan moita mercancía comprada e non se vendía. É un tema complexo porque hai moitos factores que interveñen.

Cerraron moitos comercios na vila de Sarria?

De momento non se sabe con certeza, algún cierre e algún traspaso hai pero non demasiados. Nós, por exemplo, tivemos axencias de viaxes que pecharon. En canto á hostalaría non temos moita e a que temos non pechou, aínda que sí que é certo que ese é un sector que abre e pecha facilmente, sempre hai movemento continuo.

O Camiño de Santiago e os peregrinos foi outro aspecto que non tivo movemento durante esta época, notouse moito no consumo?

Sí, foi un aspecto que tamén estivo moi parado e que repercutiu. O ano pasado non houbo case peregrinos, empezou a haber agora pero poucos. Estamos falando que nos medios o ensalzan máis do que realmente é. Outros anos nestas datas estaban pasando case mil peregrinos por Sarria. En xullo e agosto chegábamos ata os 2.000 e, actualmente, estamos moi lonxe desas cifras. Sen embargo, o importante é que se vaia recuperando e que comecen a vir turistas, aínda que non creo que haxa demasiado movemento. De feito, según axencias especializadas, os peregrinos que máis gastan e máis diñeiro deixan suelen ser os de máis lonxe -americanos, australianos, xaponeses-, que son os que probablemente non veñan de momento.

Consideras entón que a situación nun futuro é bastante incierta?

Eu creo que é unha situación na que hai que ser optimistas e ao mesmo tempo realistas. Cando vexamos que a xente está vacinada, que non hai contaxios e que, ademais, a xente comeza a moverse a nivel Europa poderemos empezar a notar algo de cambio. Así mesmo, hai que ver o que ocorre a nivel económico. Actualmente estamos sobrevivindo grazas ás diferentes axudas que se nos foron dando pero hai que esperar a que volte a normalidade para poder facer unha predición. A crise do 2008/2009, por exemplo, tardou en chegar a Sarria. Ao principio parecía que non afectaba e ao final acabou afectando de forma importante no comercio. Por tanto, aquí pode pasar o mesmo. O final, inxectar diñeiro para situacións concretas amortigua os golpes, veremos agora se somos capaces de levantar cabeza ou se realmente non somos capaces de sobrevivir sen axudas.

asociacion comerciantes sarria
ricardo asociacion comerciantes sarria
0.16193604469299