Entrevista: "Non é levar a música onde a xente, senón que a xente vaia onde a música"

SarriaXa
Abraham Cupeiro é un construtor e multiinstrumentalista sarriao que se caracteriza pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo.
abraham cupeiro
abraham cupeiro
24 oct 2021

Abraham Cupeiro é un construtor e multiinstrumentalista sarriao que se caracteriza pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo. Estes son empregados para novos proxectos e concertos. Este verán levou a cabo o programa Resoando no Camiño Francés, un ciclo de concertos a través do cal actuou en varios concellos polos que pasa o Camiño de Santiago.

Dende cando leva no mundo da música e por que empezou?

Levo no mundo da música dende que teño uns oito anos, cando me levaron a Asociación Meigas e Trasgos, sen embargo, isto foi de forma intermitente. Despois paseime á banda de música de Sarria e, dende os 11 anos aproximadamente, xa comecei a dimanar. Por tanto debo levar aproximadamente, uns 30 anos.

Como xurdiu a súa paixón pola recuperación de instrumentos?

A verdade é que sempre me chamaron a atención as diferentes culturas e, sobre todo, a través da música, xa que se manifestan dun xeito moi singular e sobre todo moi auténtico. Ao fin e ao cabo, considero que a música é unha das máximas expresións que ten o ser humano. A partir de iso, fun conseguindo instrumentos e chamábame a atención a diversidade que existía en eles. A continuación, foi cando comecei a construír os meus propios instrumentos, despois de que no conservatorio en Madrid fixera un traballo sobre a construción dunha trompeta barroca. Xa con iso, comecei a elaborar unha serie de proxectos que hoxe en día son os que me fan ter un ritmo de concertos bastante importante ao longo do ano.

Como definiría os seus traballos?

O máis importante que ten que haber ou que intento que haxa é emoción. Non significa soamente extraer cousas do pasado ou facer coma se fora unha conferencia para un público erudito, senón que é intentar levar esas cousas á xente de a pé e, sobre todo, intentar emocionar. Ao final, son uns traballos moi poliédricos onde se xunta composición, onde se xunta construción e onde se xunta interpretación. Sen embargo, ao fin de todo, tes que facer un proxecto que tamén namore e capte a atención da xente.

Que é o que máis destaca dos seus proxectos?

Pois iso e a utilización de instrumentos non cotiás que foron esquecidos no tempo. Destacaría iso, a busca de que sexan auténticos e para min non hai nada máis auténtico que ir a un concerto e saír coa emoción a flor de pel.

Poderíase quedar con algún instrumento en particular?

Para min o instrumento máis importante do proxecto é o karnyx. Ademais dese, tamén destaco a corna de pastor que encontrou Carlos Tallón en Padriñán. Considéroos os mais importantes para min porque son como pedras angulares nas que xiran o meu traballo.

Que é o que máis lle gusta do que fai?

Aprender

Este verán fixo varios concertos dentro do programa Resoando no Camiño Francés, que significaron eses concertos para vostede?

Significan algo moi bonito porque a maioría dos concertos que fago son fóra de Galicia e xa o feito de tocar na miña terra é unha pasada. E encima a iso inclúes que se respecta o silencio e que pode facer música onde te podes parar un pouco para meter un ou dous detalles. O dito, ter a oportunidade de tocar en Galicia para min é algo moi satisfactorio porque non adoito facelo pola miña terra.

Onde adoita facer concertos?

Como dicía non adoito actuar por Galicia, fágoo por toda España e tamén no ámbito internacional.

Despois de tantos concertos e actuacións, podería destacar algunha en particular?

Non destacaría ningunha en particular xa que ao final, todo o ciclo tiña un sentido e cada concerto foi diferente. Sen embargo, si que é verdade que a actuación en Triacastela foi algo moi curioso xa que tocamos nunha alvariza moi alterna. Ademais, penso que nunca se fixo un concerto nunha edificación deste tipo, á que había que engadir que estaba no medio do monte, polo que o concerto estivo acompañado polos diferentes sons da natureza: paxariños, árbores, vento... Foi algo moi bonito onde se tivo que desprazar a xente de forma premeditada, algo que tamén é de valorar xa que non é levar a música onde a xente, senón que a xente vaia onde a música.

Cales son os seus plans de futuro?

A verdade é que estou a tope de concertos e con moitos proxectos ao mesmo tempo, polo que a miña idea é seguir facendo música xa que para o ano que vén xa teño toda a tempada pechada. Agora mesmo teño pouco tempo de reacción ao ter tanto traballo. Sen embargo, afortunadamente hai que pensar que no 2022 xa teño case todas as datas de concertos completas e no 2023 xa estou comezando a encher.

Ten algún proxecto en mente ou algún traballo máis?

Si, imos sacar dous discos en breve e ademais, tamén me gustaría facer un pequeno festival de músicas do mundo ou de músicas que non se escoitan tanto. Este é un proxecto que me gustaría levar a cabo pero como dixen anteriormente, teño moito traballo polo que de momento non teño tempo a pensar nestas cousas.

Ten algún concerto proximamente en Galicia?

Non. Como dixen antes, desgraciadamente, non toco case nada por aquí e os seguintes concertos son en Castellón, Valencia, Madrid, Euskadi e Palmas de Gran Canaria. Iso é o que vou facer para acabar o ano. Acabarei no Alfredo Kraus, un auditorio espectacular das Palmas de Gran Canaria onde farei catro concertos. Sen embargo, ningún en Galicia.

Ten algún sitio no que lle gustaría actuar e que aínda non o fixera?

Pois teño gañas de tocar, por exemplo, no Royal Albert Hall en Londres e creo que non tardará moito esa ocasión.

Como considera que valoran os espectadores as súas actuacións?

Eu máis que valorala eu creo que me gustaría ver que a desfruten. Para medir ese feedback que chega despois dun concerto temos varios parámetros. De feito unha das maneiras é cando hai ocasión de vender o teu proxecto e os teus discos e, moitas veces, quedamos sen eles. Ademais, eu creo que en moitas ocasións o espectador pide que dure un pouco máis. O único que podo dicir é que me gusta facer feliz á xente e, ao mesmo tempo, iso tamén me fai feliz a min.

Abraham Cupeiro karnyx