Entrevista: “O deporte é o mellor medicamento que hai, parece incrible a enorme cantidade de beneficios que ofrece”

SarriaXa
Entrevista: “O deporte é o mellor medicamento que hai, parece incrible a enorme cantidade de beneficios que ofrece”
ivan saludx10 portada
ivan saludx10 portada
4 sep 2022

Iván Fernández Fernández, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e emprendedor, propietario do negocio SaludX10 en Sarria.

- Queremos coñecerte un pouco. Fálanos de ti, da túa experiencia persoal no mundo deporte, se o practicaches dende sempre e se sempre che gustou.

Sempre estiven ligado ó mundo do deporte. Sempre me gustou xogar a fútbol, pero non foi ata os 15 anos cando comecei a xogar nun equipo federado, a Sarriana. E cada vez gustábame máis, porque me aportaba moitas cousas. Fisicamente sentíame moi ben e ademais resultábame moi divertido, pero decateime de que me daba moito máis. Coñecín moita xente e fixen moi bos amigos. E supoñíame unha vía de escape de outros problemas que hai no día a día, xa que mentres xogas ou realizas adestramentos, estás concentrado o 100% neso, e o resto do mundo non existe.

- Cóntanos cal é o teu papel no negocio e se tes máis compañeiros/as?

Cando abrín empecei eu só, co cal ademais de levar a xestión do centro, tamén era adestrador. Agora conto coa axuda de outras dúas persoas, que son Martín López López e Lucía Sánchez Castro, que están todo o ano. E durante o verán estivo tamén Roi López López para cubrir vacacións. Ademais, para a parte de nutrición, contamos con Olalla López Portela, que é técnico superior en dietética.

- Como e porque decidiches emprender e porque con este proxecto? Que ten de especial para ti?

Decidín iniciar o camiño do emprendemento grazas a un libro que lin fará uns 5 anos que se titula Como hacer posible lo imposible. Non estaba contento co meu estilo de vida e sabía que necesitaba un cambio. Escoitei o título deste libro na radio mentres conducía o camión do meu pai, que era transportista de leite (onde eu tamén traballada daquelas), e decidín mercalo. Para min supuxo un antes e un despois. Empecei a comprender que eu podía crear o estilo de vida que quixese. Só tiña que enfocarme no que quería e buscar a maneira de conseguilo. A raíz de aí fixen cursos de emprendemento que me cambiaron a maneira de pensar e de entender a realidade. A verdade é que xa levaba varios anos coa idea de abrir este negocio e custoume moito tomar a decisión, non quería arrepentirme de non intentalo.

Debido aos estudios que realicei neste ámbito, comprendín a gran importancia de facer exercicio e levar unha alimentación saudable. Non para ter un corpo perfecto, senón para ter unha boa saúde e calidade de vida. Entón vin que este modelo de negocio estaba funcionando moi ben noutras cidades, así que decidín probar.

Tamén tiven a sorte de contar con moita axuda. Primeiro de meus pais, que aínda que o vían arriscado, confiaron en min. E logo ademais da xente coa que me rodeaba, doutra xente con moita experiencia no ámbito empresarial.

O negocio ten de especial para min que é algo que creei eu no que estou poñendo todo o meu empeño, co cal estamos axudando a moita xente a mellorar a súa saúde e calidade de vida, e que me serve tamén como forma de expresión da miña identidade e desenvolvemento da miña forma de ser. Obrígame a estar nun proceso constante de formación e aprendizaxe para sacar o mellor de min.

- Qué ofreces ao público? Porque escoller o teu centro fronte aos da competencia?

Traballamos principalmente con grupos reducidos, pero cada integrante do grupo adestra de forma individualizada. En función dos obxectivos e necesidades de cada cliente, plantexamos un plan personalizado de exercicio e/ou alimentación, totalmente adaptado a cada un, tendo en conta as súas características ou limitacións, cun adestrador á súa disposición durante todo o proceso que o asesorará en todo momento, ademais de dar pautas para levar un estilo de vida saudable.

Non me gusta falar de competencia nin compararme con ninguén salvo con nós mesmos para seguir mellorando. Cada centro ten a súa metodoloxía adecuada para o seu perfil de cliente.

Nós tratamos de coñecer a fondo a cada cliente e darlle o que necesita en cada sesión. Tamén ofrecemos unha sesión de adestramento de proba gratuíta para que a xente coñeza a nosa maneira de traballar antes de inscribirse.

- En que tipo de adestramento centras a túa actividade? Porque escolliches ese método e cales son os resultados que a xente pode ver co seu traballo?

A nosa ferramenta é o adestramento funcional, que é aquel enfocado en mellorar as capacidades de cada individuo para afrontar as actividades da vida diaria. Son sesións dinámicas e variadas dedicadas na súa maior parte a facer exercicios de fortalecemento de todo o corpo, e tamén exercicios de movilidade e flexibilidade. Gran parte de dolores musculares, lesións e enfermidades están moi relacionados coa falta destes tres factores (entre eles contracturas, obesidade, enfermidades cardiovasculares como colesterol, triglicéridos, hipertensión, diabetes ou dolores articulares) pero tamén é unha ferramenta fundamental para a prevención e o tratamento de problemas mentais.

Está máis que demostrado cientificamente que o exercicio de forza reduce os niveis de depresión e de estres e axuda a mellorar a autoestima e o estado de ánimo. Tamén é clave para a prevención e tratamento de osteoporosis, sarcopenia, síndrome premenstrual, catarros e outras enfermidades coma o cancro, o alzheimer ou o parkinson.

- Hai algún exercicio ou técnica innovadora que esteas a poñer en práctica?

Estamos poñendo en práctica unha terapia innovadora que se chama Bemer, que serve para reactivar a microcirculación naquelas zonas do corpo na que está diminuída. O efecto que produce é un mellor aporte sanguíneo a todos os tecidos, co cal aceléranse procesos de recuperación, mellora rendemento físico e mental e aumenta a eficacia do sistema inmune, co cal fai o organismo máis resistente antes calquera posible enfermidade ou lesión.

- Cantos alumnos hai anotados agora mesmo? Nótase que hai certos meses con máis afluencia de xente ca outros?

Agora mesmo temos sobre 160 clientes. Os meses de verán adoitamos ter algunha baixa pero vanse cubrindo con altas de xente que vén de vacacións e que busca un adestrador persoal.

- Canto tempo leva aberto o negocio? Tivo unha boa acollida por parte do público?

Abrimos o centro en decembro do 2019, pero a acollida foi moi boa. Non sei cómo vai evolucionar, pero imos a facer todo o posible para que siga sendo así. Sobre todo que cada cliente siga mellorando.

- Hai moita competencia en Sarria ou non existen apenas negocios coma este?

Xusto coa nosa metodoloxía creo que non hai, pero non sei exactamente. Si que hai varios centros deste sector, con bos profesionais que levan moitos anos, pero creo que  cada un ten o seu perfil de cliente.

- A parte de adestramentos, ofreces tamén servizo de nutrición?

O servizo de nutrición lévao Olalla López Portela, que é Técnico Superior en Dietética. A filosofía é a mesma, facer un plan personalizado de alimentación.

Non damos dietas estandarizadas porque aparte dos alimentos que se consumen no día a día de cada persoa entran moitos factores como son os horarios de traballo, se hai tempo ou non a preparar a comida, se hai que facer a comida para moitos, se hai moitos eventos sociais, se se está tomando medicación, se hai moito estres... Entón hai que ter en conta todos estes factores e ensinar a ter unha boa relación coa comida.

Que a xente comprenda o impacto que ten cada alimento no seu organismo e ensinarlle a xestionar a alimentación en base a todo isto. Hoxe en día todos sabemos máis ou menos o que debemos comer e o que non se queremos ter boa saúde, pero porque non se fai? Pois porque todo isto non se ten en conta. Entón se queremos conseguir resultados permanentes, todo isto é imprescindible. Por iso os plans que facemos son adaptados a cada persoa, tendo en conta todas estas circunstancias.

- Algún consello para aquela xente que non se decide a practicar deporte?

Si, que saquen o tempo de onde sexa. É o mellor medicamento que hai. Parece incrible a enorme cantidade de beneficios que ofrece. Eu non digo que veñan a xunto de nós, poden practicar deporte pola súa conta ou acudir a calquera profesional.

A vantaxe de ter un profesional é que vai haber menos risco de lesión e o proceso vai ser máis controlado ademais de dificultar o abandono. Pero o exercicio e a alimentación saudable son fundamentais e imprescindibles para ter máis enerxía e boa saúde e calidade de vida. Que empecen xa. Da igual a idade. Canto antes empecen mellor, máis beneficios.

ivan saludx10
ivan saludx10 2
ivan saludx instalacions 2
ivan equipo