Asociación de mulleres rurais O Noso Lar: “Queremos manter vivas as tradicións e actividades na zona da Pobra de San Xiao”

SarriaXa
Entrevista a María del Pilar Brea López, tesoureira da asociación de mulleres rurais O Noso Lar. “Queremos manter vivas as tradicións”
onosolar-lancara-portada
1 Nov 2022

María del Pilar Brea López, tesoureira da asociación de mulleres rurais O Noso Lar.

Pobra de San Xiao é unha parroquia e aldea​ capital do municipio de Láncara, que se atopa xunto á vella estrada LU-654 que une Lugo con Monforte de Lemos.

Dentro do seu patrimonio presume de ter unha igrexa parroquial de principios do século XX aínda que conserva restos románicos. Ten planta de cruz latina con dúas capelas laterais. No seu interior consérvanse dous retablos dos séculos XVI e XVII.

Outro monumento que podemos visitar nas proximidades é a Casa Grande de Láncara, que dende o século XIV, leva o apelido Quiroga xa que foi esta estirpe a encargada de conservar unha mostra da historia de Galicia. Está formada por una edificación principal, unha torre e construcións anexas con aspecto de fortaleza. Diferénciase pola súa exclusividade e por conservar todas as estancias tradicionais así coma mobles antigos.

Hoxe facemos un percorrido pola forma de transmitir os costumes da Pobra de San Xiao e coñecemos á Asociación de mulleres rurais O Noso Lar, que dende hai case 25 anos forma parte da tradición desta parroquia xa que consegue xuntar a veciñas e veciños da contorna para que manteñan vivas tradicións e actividades da zona.

Cando e por que se creou a asociación O Noso Lar?

A asociación O Noso Lar foi creada hai máis ou menos 25 anos. E creouse porque Láncara, máis en concreto A Pobra de San Xiao, era un pobo con moi pouca actividade por aquel entón. Ese foi o detonante principal.

Foi creada por dúas irmás que propuxeron a idea (Encarna e Esther Carro Vázquez) xa que elas viaxaban moito a Lugo e decidiron levar a cabo a creación da asociación para que A Pobra de San Xiao puidese ter máis actividade. Isto foi no ano 1998.

Cal é o seu obxectivo? Soamente ten socias ou tamén socios?

Como comentaba o obxectivo nun principio foi dinamizar a zona da Pobra de San Xiao, facer máis actividades aquí e dar a coñecer a zona para todos os veciños e visitantes. Nun principio estaba formada soamente por mulleres do rural pero hoxe en día hai tamén homes entre os socios.

Son moitas socias e socios na actualidade? De qué lugares? Soamente de Pobra de San Xiao ou tamén doutras parroquias de Láncara?

Na actualidade a asociación O Noso Lar está formada por un total de 102 persoas entre mulleres e homes, pero claro hai que ter en conta que é unha asociación de mulleres do rural e as integrantes temos xa unha idade.

Non só está formada por xente da Pobra de San Xiao e Láncara, na actualidade temos xente doutras parroquias e incluso xente doutros concellos coma do Páramo ou do Corgo.

Que tipo de actividades ou eventos levan a cabo dentro da asociación? E cales se realizan hoxe en día?

Intentamos levar a cabo moitas actividades, na actualidade temos clases de ximnasia de mantemento, pilates, manualidades e viaxes culturais... antes tamén tiñamos clases de cestería pero esas deixáronse de impartir.

Con respecto ás viaxes culturais, os que realizamos de forma máis recente foron a Portugal. Hoxe en día mantemos todas esas actividades menos as clases de cestería.

Que hai que facer para formar parte da asociación? Ten algún custo?

Pode formar parte da asociación O Noso Lar todo aquel que queira, é moi sinxelo simplemente hai que chamar ao telefono 982 54 32 02, facilitarnos os teus datos para que poidamos facer un carné de socio cun número e abonar a cota de socio.

Pertencer á asociación ten un pequeno custo simbólico de 20 euros ao ano pero dentro das actividades que realizamos inclúese por exemplo unha comida anual sen custo algún para socios, totalmente gratuíta que se realiza na Pobra de San Xiao.

Conténnos acerca dalgún evento que teñan programado proximamente

Temos programado para o domingo 6 de novembro o tradicional magosto e logo estamos xa a realizar dende comezos de outubro as nosas clases de ximnasia de mantemento e pilates que teñen lugar no polifuncional situado no campo da feira que foi cedido polo concello.

Como afectou a pandemia ás actividades que realizaban? Houbo un parón  imaxino. Agora volven con máis forza?

Si claro, houbo un parón de xeito total nas actividades que estabamos a realizar. A verdade é que nos afectou bastante en todos os sensos porque non había gañas de traballar e tivemos que pospoñer moitas das nosas actividades, foi unha pena. Parar e volver empezar fíxose un pouco duro aínda que xa o ano pasado con máscara e con todas as medidas anti-covid19 levamos a cabo algunhas das actividades.

Con que apoios contan para levar a cabo a súa actividade? Concello, outras institucións, veciños...

Si, a parte das achegas que facemos os propios integrantes da asociación, o Concello tamén colabora con nós e a Deputación tamén nos apoia. Por exemplo esta primavera fixemos unha viaxe para coñecer Lugo coa colaboración deste organismo.

Que agardan para este novo ano?

Para este próximo ano temos actividades programadas como a chocolatada con churros que sempre facemos para os niños no día de reis, seguiremos coas actividades que estamos desenvolvendo ata o de agora e logo temos en mente organizar varios viaxes para primavera pero aínda non pensamos o destino (un deles de fin de semana e o outro con saída e chegada o mesmo día).

Non sei se queren engadir algunha cousa

O único dicir que esperamos que a asociación O Noso Lar siga medrando en número de socios, esperando seguir enchendo a contorna da Pobra de San Xiao de actividades e aquí estamos a disposición de todo o que o precise para calquera consulta ou necesidade de información.

onosolar-lancara
onosolar-lancara2
0.15234398841858