Especialistas de toda España recoñecen no Pazo de Tor os 20 anos de traxectoria da Rede Museística Provincial

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) recibiu unha homenaxe con motivo do seu 20º aniversario durante un acto celebrado no Pazo de Tor, no marco do proxecto de investigación «Museos, Educación Histórica e Cultura Democrática. Retos sociais desde a interseccionalidade crítica».
A iniciativa reúne preto dun cento de investigadores, docentes e especialistas en museos procedentes de 13 universidades españolas, así como representantes de numerosos museos e institucións culturais de referencia.
Entre as entidades participantes figuran o Museo de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo Nacional do Prado, o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, o Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira, o Museo Nacional de Antropoloxía, o Museo Arqueolóxico de Alacante (MARQ), o Museo da Memoria de Andalucía, o Centro Andaluz da Fotografía, o Museo de Almería, os Museos de Terque, o Museo Íbero, o Museo do Realismo Español Contemporáneo (MUREC) e a propia Rede Museística Provincial de Lugo. Nesta última, Encarna Lago González participa como xerente e tamén como integrante do equipo investigador do proxecto.
Coincidindo coa conmemoración do aniversario, medio cento de profesionais participantes nesta investigación desprazáronse a Monforte para render homenaxe á Rede Museística Provincial de Lugo e recoñecer os seus vinte anos de traballo arredor dun modelo de museoloxía social, participativa e transformadora, considerado un referente tanto en Galicia como no conxunto do Estado.
O acto central da xornada foi chegou cunha conferencia titulado «A Rede Museística de Lugo. Un exemplo de boas prácticas desde unha museoloxía social e transformadora», presidida por Cosme J. Gómez Carrasco, da Universidade de Murcia, quen pronunciou a laudatio en representación das universidades e institucións que forman parte do proxecto.
Na homenaxe interviñeron tamén Ana Moreno Rebordinos, do Museo Nacional do Prado; Rufino Ferreras Marcos, responsable da Área de Educación do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza; e José Manuel Rey García, do Servizo de Museos do Concello de Vigo.
Durante as súas intervencións destacaron o carácter pioneiro da Rede Museística Provincial de Lugo, así como a súa capacidade para situar as persoas no centro da actividade museística e converter os museos en espazos de inclusión, participación, diálogo e construción de cidadanía.
Os participantes coincidiron en sinalar que a RMPL constitúe na actualidade un dos exemplos máis consolidados de museoloxía social en España, converténdose nun caso de estudo e nun modelo de referencia para profesionais, universidades e institucións culturais comprometidas co papel transformador dos museos.
A xornada rematou cun recoñecemento colectivo á traxectoria da Rede Museística Provincial de Lugo e ao labor desenvolvido durante estas dúas décadas por Encarna Lago e o conxunto do equipo da RMPL, reafirmando o seu papel como referente na innovación museolóxica, a educación patrimonial e a democratización da cultura.