O mércores en Láncara celebrarase unha asemblea sobre política agraria
O sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas dará o vindeiro mércores día 30 de novembro en Láncara unha rolda de asembleas informativas sobre a Política Agraria Común (PAC) que comezará a ser aplicada a partires do 2023.
O SLG estivo presente na longa xestación desta PAC, unha política agraria común que finalmente ficou moi complexa.
Pódese dicir que “cambia todo, a diferencia fundamental é que imos ver moi aumentada a carga burocrática para cobrar no caso galego unhas axudas iguais ou inferiores ás que viñamos percibindo nestes anos. Ademais, canda a nova Política Agraria Común, para o ano 2023 entra en vigor moita normativa que tamén mudará fondamente a vida das granxas”, afirman membros do Sindicato Labrego Galego.
“A nova PAC vaise solicitar en marzo e abril do 2023, pero as labregas e labregos precisamos saber as súas características e requisitos antes do 1 de xaneiro do 2023, que é cando entrará en vigor. Por iso convidamos a tódalas persoas que solicitaran ou non a PAC en anos anteriores, e que estean interesadas en saber como vai, a asistir a algunha das 25 asembleas programadas, nas que faremos un repaso por tódalas axudas da solicitude única e os requisitos das mesmas” destacan.
O martes 29 deste mes estarán no Corgo.