Estefanía Padullés pinta un mural de gran formato no CEIP San Miguel de Paradela

A escritora e ilustradora Estefanía Padullés vén de realizar un gran mural nunha das paredes do CEIP Plurilingüe San Miguel de Paradela, no que plasma a figura dunha egua branca, protagonista do seu libro 'A egua de Breogán', que foi presentado recentemente no propio centro educativo.
A obra atópase situada nunha parede das escaleiras de subida do colexio, o que obrigou á artista a traballar subida a un andamio. A pesar das dificultades que supón esta localización, Padullés levou a cabo o mural sen impedimentos, converténdoo ademais no de maior tamaño dos realizados ata o momento.
A pintura alcanza unhas dimensións de catro metros de altura por sete de lonxitude, consolidándose como unha das intervencións máis destacadas da autora neste espazo educativo.
Este mural constitúe xa o sétimo traballo que Estefanía Padullés desenvolve no CEIP San Miguel de Paradela, reforzando así a súa vinculación co centro e a aposta pola arte como ferramenta educativa e cultural.