Familias da comarca de Sarria convocan unha protesta para reclamar un segundo pediatra

As familias da comarca de Sarria convocaron para este xoves, 14 de maio, ás 9.30 horas, unha concentración diante do centro de saúde da vila para reclamar ao Sergas a cobertura da praza de Pediatría vacante desde o pasado mes de outubro. O servizo atende actualmente a nenos e nenas de sete concellos —Sarria, Samos, Triacastela, O Incio, Paradela, Láncara e O Páramo— cun único profesional tras a xubilación da segunda pediatra da comarca.
Segundo denuncian as familias afectadas, desde aquela centos de menores quedaron sen atención pediátrica de referencia, unha situación que obriga en moitos casos a recorrer á sanidade privada ou a desprazarse ata o Hospital Universitario Lucus Augusti, en Lugo, para poder recibir asistencia médica.
A falta dunha solución por parte do Sergas levou ás familias a organizar esta mobilización e tamén unha recollida de sinaturas iniciada hai xa quince días en distintos locais da vila. O obxectivo é trasladar posteriormente as reclamacións ao rexistro da Consellería de Sanidade en Lugo para mostrar o malestar existente pola situación sanitaria da comarca.
Sara, nai convocante da protesta, explicou que cando un neno ou nena sen pediatra se pon enfermo “tes que pagar un privado ou ir a Lugo, non queda outra”. Ademais, advertiu das dificultades que esta situación provoca para moitas familias. “Hai familias que non contan cos cartos para facelo ou só teñen un coche, co que van traballar”, sinalou.
As persoas convocantes agardan que a concentración sirva para que a Administración sanitaria escoite as súas demandas e adopte medidas que permitan recuperar un servizo de Pediatría completo e estable dentro da sanidade pública galega.