Fotowalk Galicia organiza unha ruta fotográfica por Samos e a Cova Grande de Santalla

A fotografía, a natureza e o patrimonio reuniranse o sábado 17 de outubro nunha nova saída organizada por Comunidade-Fotowalk Galicia en Samos. A proposta combinará unha ruta por diferentes espazos da contorna cun taller práctico de iluminación fotográfica, nunha xornada que incluirá a Ruta Fiz Vergara Vilariño e a Cova Grande de Santalla.
A actividade contará cun máximo de 20 participantes e comezará ás 10:00 horas coa recepción dos asistentes e a presentación da xornada. Ás 10:30 horas desenvolverase o taller "Iluminación artificial na fotografía", no que se abordarán aspectos técnicos e materiais e se realizarán prácticas nun entorno real.
Ás 12:00 horas, os participantes disporán de tempo para percorrer as zonas próximas a Samos e ao Camiño de Santiago. A xornada continuará ás 13:00 horas cunha comida en grupo.
Pola tarde, ás 15:30 horas, o grupo desprazarase ata Santalla para realizar a Ruta Fiz Vergara Vilariño e visitar a Cova Grande. Para organizar esta parte da actividade, os asistentes dividiranse en dous grupos: un percorrerá a ruta e outro visitará a cova, antes de intercambiar as actividades.
A iniciativa busca ofrecer unha experiencia que permita practicar técnicas fotográficas en diferentes escenarios, ao tempo que se desfruta da paisaxe e dos recursos naturais e patrimoniais da contorna de Samos.