Galicia comezará o curso escolar con 3.289 alumnos menos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
307.854 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato comezan o curso en 1.243 centros de toda Galicia
ceip-sagrado-corazon-lugo-colexio-educacion-escola-infantil-aula7
5 sep 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu a benvida a unha nova xeración de mestras e mestres que se incorporan este curso ás aulas galegas. Fíxoo durante a xornada de recepción para o profesorado que superou este verán o proceso de oposicións.

O titular de Educación, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, destacou a importancia de sumar estes 1.256 novos docentes no ensino galego dado que son “a pedra angular do noso sistema educativo”. Ademais, Román Rodríguez recordou que o modelo galego se ten consolidado “como un verdadeiro referente, non só a nivel nacional, senón tamén fóra de España”, e animou ao profesorado a “avanzar na construción da educación do futuro, cun modelo máis plural, conectado e eficaz, que promova a personalización do ensino para asegurar a inclusión educativa plena do alumnado, e que aposte polas competencias clave e pola formación STEM”.

O titular de Educación quixo dar unha especial benvida “á primeira promoción que conta con docentes nados xa no propio século XXI”. En concreto, por primeira vez este curso impartirán clase un centenar de profesionais nados nos anos 2000 e 2001 que lograron praza nas últimas oposicións e que contribuirán a este proceso de modernización do ensino que se inicia agora. Estas novas prazas, lembrou o conselleiro, reafirman o compromiso da Xunta coa mellora continúa do profesorado. De feito, desde o ano 2009 téñense impulsado diversas ofertas de emprego público para 18.500 docentes.

Reparto das prazas

As 1.256 novas prazas distribúense entre catro corpos docentes: 690 para profesores de ensino secundario, 474 para mestres, 67 para profesores especialistas en sectores singulares de Formación Profesional e outros 25 para escolas oficiais de idiomas.

O curso escolar comeza o vindeiro 11 de setembro para 307.854 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, en 1.243 centros de toda Galicia que imparten esas etapas, o que supón un descenso de 3.289 alumnos respecto do ano académico 2023/24.

Precisamente, a Xunta de Galicia distribúe os datos de matrícula por concellos nas diferentes etapas, que mostra a enorme dispersión do sistema educativo galego polo territorio, de acordo coa estrutura da súa poboación e das dinámicas demográficas.

En concreto, contan con instalacións educativas en funcionamento 92 concellos da provincia da Coruña, cun total de 131.474 alumnos; 65 da de Lugo, con 32.392 estudantes; 68 da de Ourense, con 29.634 estudantes, e 61 da de Pontevedra, con 114.354 escolares.

Máis aulas e profesores para menos alumnos

Malia a que o descenso de matrícula se produce na súa meirande parte nas etapas de Infantil e Primaria, cunha caída de máis de 4.000 alumnos, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar.

Isto é posible grazas á redución da rateo de alumnos por aula incluída no acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais que se inicia este curso. En concreto, permite manter abertas 204 aulas que, coas anteriores rateos, pecharían por falta de estudantes. A estimación é que, ao longo dos tres próximos cursos, esta cifra de aulas escale ata un total de 900 preservadas.

Ademais, ao abeiro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia vaise dotar os centros educativos dun reforzo de 400 docentes para personalizar o apoio e prestar a mellor atención á diversidade. De feito, a Consellería abre hoxe a convocatoria de docentes de apoio do programa PROA+, un dos seis que conforman esta ampla estratexia de mellora educativa dotada con máis de 77 millóns de euros.

Matrícula aberta na Formación Profesional

Aínda é posible matricularse nos ciclos de FP que contan con prazas dispoñibles. O alumnado que tivo praza na adxudicación do 2 de setembro poderá matricularse ata o día 5 deste mes. Unha vez concluída esta terceira fase, haberá unha adxudicación continuada por chamamentos individualizados, que se estenderá entre o 11 e o 27 de setembro.

No caso dos ciclos con prazas dispoñibles e sen listaxe de agarda, a matrícula pode formalizarse xa en calquera momento nos centros educativos correspondentes, dado que non entran na terceira adxudicación.

CONSULTA A LISTA DE ALUMNOS POR CONCELLO EN LUGO

CONSULTA A LISTA DE ALUMNOS POR CONCELLO EN A CORUÑA

CONSULTA A LISTA DE ALUMNOS POR CONCELLO EN OURENSE

0.092436075210571