Galicia en Pé denuncia atrasos de ata catro anos da Xunta para asumir pisos herdados e reclama axilizar os trámites

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Desde a entidade explican que cando unha persoa falece sen herdeiros ata cuarto grao ou cando os herdeiros renuncian á herdanza, a propiedade pasa legalmente á administración autonómica
herencia-papeleo-negocio
13 May 2026

A plataforma Galicia en Pé denunciou os atrasos de ata catro anos que, segundo asegura, está a rexistrar a Xunta de Galicia para asumir a titularidade de vivendas que lle corresponden por sucesión intestada ou pola renuncia dos herdeiros, unha situación que cualifica de “bloqueo administrativo” e que, ao seu xuízo, provoca importantes prexuízos económicos ás comunidades de propietarios e impide destinar estes inmobles a usos sociais.

Desde a entidade explican que cando unha persoa falece sen herdeiros ata cuarto grao ou cando os herdeiros renuncian á herdanza, a propiedade pasa legalmente á administración autonómica. Porén, aseguran que este procedemento acumula importantes retrasos debido á acumulación de trámites, á falta de coordinación administrativa, á escasa prioridade política e á lentitude dos procesos internos.

Galicia en Pé advirte de que durante os anos nos que a Xunta non formaliza a titularidade destas vivendas, as comunidades de propietarios deben asumir os gastos derivados dos inmobles, xa que os pisos permanecen sen pagar cotas e acumulando débedas. Segundo denuncian, isto supón unha carga económica directa para o resto da veciñanza, ademais de contribuír ao deterioro dos inmobles ao permanecer abandonados e sen ningún tipo de xestión.

A plataforma considera especialmente grave esta situación nun contexto marcado pola falta de vivenda dispoñible en Galicia, tanto para persoas maiores como para familias vulnerables e mozos con dificultades para acceder ao mercado inmobiliario. Neste sentido, lamentan que propiedades que xa corresponden á Xunta permanezan durante anos sen ser incorporadas a programas de vivenda pública ou social.

Ante esta situación, Galicia en Pé reclama á administración autonómica que estableza un prazo máximo de seis meses para asumir formalmente este tipo de propiedades. A organización considera que esta medida permitiría evitar o deterioro dos inmobles, frear o incremento das débedas comunitarias, aliviar a carga económica das comunidades de propietarios e incorporar con maior rapidez vivendas ao parque público.

Finalmente, a plataforma asegura contar con casos reais e documentados que acreditan retrasos de ata catro anos e anuncia que está disposta a remitilos á Presidencia da Xunta e á Consellería de Facenda para evidenciar a dimensión do problema e colaborar na procura dunha solución.

0.11153411865234