God Is An Astronaut súmase ao cartel do Esmorga Fest de Sarria na súa única data en España en 2027

GaliciaXa | SarriaXa
A banda irlandesa de post-rock instrumental actuará os días 12 e 13 de febreiro na vila dentro da súa xira polo 25 aniversario, nunha edición que tamén contará con Maquina., MONO e Apartamentos Acapulco
God-is-an-Astronaut
28 Nov 2026

O Esmorga Fest de Sarria continúa avanzando no cartel da súa próxima edición, que se celebrará os días 12 e 13 de febreiro de 2027, coa incorporación de God Is An Astronaut. A banda irlandesa de post-rock instrumental chegará á vila lucense dentro da súa xira polo 25 aniversario, nunha actuación que será a súa única data en España durante todo o ano 2027.

Formada en 2002 no condado irlandés de Wicklow polos irmáns xemelgos Torsten e Niels Kinsella, a formación leva máis de dúas décadas construíndo unha traxectoria internacional na escena do rock instrumental. A súa música combina post-rock, space rock, ambient, krautrock e electrónica, con guitarras envolventes, atmosferas sonoras e unha importante carga emocional, sen apenas recorrer ás voces.

A banda acadou proxección internacional co álbum 'All Is Violent, All Is Bright', publicado en 2005, despois de debutar tres anos antes con 'The End of the Beginning'. Entre os seus traballos máis recentes figuran 'Ghost Tapes #10' e 'Embers'.

Os seus directos caracterízanse pola combinación de música e elementos visuais, con xogos de luces e proxeccións que acompañan unha proposta sonora que transita entre os momentos de calma e os estalidos de intensidade. Na súa etapa máis recente tamén incorporaron ao batería galego Anxo Silveira.

Desde a organización do Esmorga Fest destacan a importancia de recibir unha formación cunha ampla traxectoria internacional e reivindican a oportunidade de vela en Galicia nunha data exclusiva en España. A actuación en Sarria formará parte da celebración dos 25 anos de carreira do grupo.

Esta confirmación súmase á de MДQUIИД. (Maquina.), o trío lisboeta que combina techno industrial e cultura de club coa enerxía do krautrock a través dunha formación de baixo, guitarra e batería, sen utilizar sintetizadores.

O cartel da edición de 2027 conta tamén coa presenza de MONO (Xapón), Apartamentos Acapulco, Apolo18, Gazella, Jade4, Menina, NEPAL NEPAL, Toldos Verdes e TRAVO.

0.14238595962524