Goián prepara catro días de festas na honra ao Santo Cristo con tradición, música e gastronomía

A parroquia de Goián, en Sarria, xa ten preparado o programa das súas festas na honra ao Santo Cristo, que se celebrarán os días 4, 5, 6 e 7 de setembro. A Asociación de Veciños de Goián encárgase da organización dunha celebración que volverá combinar tradición, actos relixiosos, gastronomía e música.
As festas comezarán o venres 4 cun viacrucis ás 18.00 horas con saída desde a Igrexa polo Camiño Primitivo de Airexe ata a Escola de Goián, volvendo pola estrada ata o Cruceiro, a Fonte do Santo e rematando de novo na Igrexa.
Xa o sábado 5 de setembro terá lugar a xuntanza cabalar, prevista para as 16.00 horas, con saída desde Sarria e percorrido por unha ruta marcada. As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente nos teléfonos 669 42 37 54 (Diego) ou 616 08 07 29 (Martín). O último día para anotarse será o xoves 3 de setembro.
Pola tarde terán lugar os actos relixiosos, con confesións ás 19.00 horas e misa ás 20.00 horas. A partir das 21.30 horas celebrarase unha gran churrascada e queimada, que contará coa actuación do Grupo Fortuna.
O domingo 6 de setembro será unha das xornadas principais das festas. Haberá misas a partir das 8.00 horas e ás 13.00 horas celebrarase a misa maior, seguida da procesión, que contará coa participación da Banda Faro Brass. A sesión vermú estará amenizada polo Grupo D’Kris.
Pola tarde haberá misa ás 18.00 horas e, xa pola noite, a partir das 22.00 horas, terá lugar a verbena co Grupo D’Kris e a orquestra Gran Parada.
O luns 7 de setembro chegará o remate das festas. A xornada comezará con misa ás 12.00 e ás 13.00 horas, seguida de procesión. A continuación celebrarase unha sesión vermú a cargo do Dúo Puma.
Pola noite, a partir das 22.00 horas, a verbena correrá a cargo do Grupo Claxxon, que será o encargado de poñer o broche musical a tres días de celebracións.
O programa inclúe ademais o sorteo de tres lotes de produtos, como parte dunha programación pensada para reunir veciños e visitantes e manter viva a tradición festiva da parroquia.