Golf El Pilar - Sarria abre en setembro as novas incorporacións á súa Escola Infantil

Golf El Pilar - Sarria inicia unha nova tempada da súa Escola Infantil de Golf e mantén aberto durante o mes de setembro o prazo para novas incorporacións. A actividade está pensada para que nenos e nenas poidan iniciarse neste deporte dunha maneira divertida, sinxela e adaptada á súa idade.
As clases combinarán a aprendizaxe dos fundamentos do golf con xogos e diferentes actividades, aproveitando as instalacións e o contorno natural do campo para practicar deporte ao aire libre. Ademais da actividade deportiva, a escola busca fomentar valores como o compañeirismo, a concentración e o respecto polo medio.
A proposta está aberta tanto a nenos e nenas que xa teñan tido contacto co golf como a aqueles que nunca colleron un pau, xa que non é necesario contar con experiencia previa. Tampouco é preciso dispoñer de material propio, pois todo o necesario para as clases está incluído.
Dous horarios para escoller
As actividades desenvolveranse nas instalacións de Golf El Pilar e os alumnos poderán escoller entre asistir os luns ou os venres, de 16:00 a 17:00 horas, en función da súa dispoñibilidade e das prazas existentes.
O prezo mensual é de 30 euros para os abonados do club e de 44 euros para os non abonados. En ambos os casos, o importe inclúe todo o material necesario para as clases.
Desde Golf El Pilar animan as familias a aproveitar o mes de setembro para incorporar os máis pequenos a unha actividade deportiva diferente, ao aire libre e en contacto coa natureza.
As persoas interesadas poden solicitar máis información ou formalizar a inscrición no teléfono 627 191 615.